Si en algo coinciden as enquisas é nos elevados niveis de abstención que se anuncian para as eleccións europeas. A cita coas urnas prevista para o 25 de maio supón unha fotografía máis do desánimo e a falta de confianza na política como motor de solución das cousas. PP e PSOE achéganse á cita buscando unha pírrica vitoria sobre o seu principal oponente.
Os últimos sondeos debuxan un escenario de empate técnico entre os de Rajoy e os de Rubalcaba e unha expectativa de apenas un 40% de participación. Subirán en votos de xeito notable outras opcións como IU e está por ver que sorte corren novas candidaturas.
Rajoy esperou ata o último suspiro para nomear a Cañete, mentres que Elena Valenciano, sen oponente, pasouse boa parte da precampaña lanzando puñetazos ao aire. Finalmente haberá debate amañado, como sempre, entre ambos e será un dato significativo para a análise as audiencias que ofreza, no seu día, ese cara a cara televisivo.
Ou as cousas cambian moito durante a campaña electoral ou cabería especular coa hipótese de que populares e socialistas pactaron unha sorte de táboas e de enfrontamento sen agresión. Os socialistas queren conseguir nestas eleccións algo de aire para debuxar un cambio de tendencia e un certificado de desculpa cidadá ás súas políticas, durante os últimos anos do goberno de Zapatero e primeiros da crise. Con todo, ao PSOE quédalle moitas incógnitas por resolver; deixaron para despois o asunto das primarias, o que tamén indica que na súa carreira ás xerais nin sequera están na liña de saída.
Os tempos desta nova sensibilidade social cara á política son diferentes, ata o punto de que o PSOE renunciou ao tradicional uso de valas electorais durante a campaña. Ademais do aforro considerable para as súas contas, os socialistas móstranse sabedores de que a estas eleccións é mellor ir con perfil baixo e sen enfadar ao persoal máis do xusto.
Mentres tanto, o PP decidiu acurtar ao máximo a precampaña. Esa foi a estratexia dun Mariano Rajoy que esperou ata o último minuto para designar ao candidato que todos daban por seguro desde o inicio. Coa súa tranquilidade, Rajoy fixo pensar a máis dun que, esta vez, podería haber sorpresas, pero non. Rajoy sempre se comporta como o home aburrido e previsible.
O resultado das europeas, si as enquisas teñen a razón, a caída dos vencedores será de tal dimensión que ninguén poderá lucir laureles trala xornada de votación. Como a demoscopia vén advertindo nos últimos meses, a perda de apoios por parte das dúas principais formacións debuxa un escenario de ingobernabilidad que alenta por primeira vez a hipótese de que os dous grandes partidos só atopen nunha alianza a posibilidade de continuar no poder.
Os analistas dos partidos valoran a importancia do voto como exercicio de castigo. Estas eleccións son as primeiras en dous anos e tras un rosario de recortes emprendidos polo goberno de Rajoy e aínda con contas pendentes entre a cidadanía e o PSOE. A ninguén se lle escapa que o que as europeas abren é unha catarata electoral que se sucede a partir de agora con municipais e autonómicas en casi todo o terriotorio nun ano e xenerais en dous. Así as cousas, estas eleccións corren o risco de converterse en pouco máis dunha gran enquisa na que apenas se fale de Europa e o que nela nos xogamos.
Otero Regal.