Burela, 9 de maio de 2014. A Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela e a Confraría de Pescadores de Burela convocan o II Certame de Relato Curto, para os estudantes de educación primaria, coa finalidade de conmemorar o Día Mundial dos Océanos, que se celebra o 8 de xuño.
Poderán participar nenos e nenas, alumnos dos colexios de Burela ou residentes en Burela, en idade de cursar os estudos de Educación Primaria. As inscricións pódense materializar dende o 19 de maio ata o 3 de xuño nas dependencias da Biblioteca Pública Municipal.
Desde a Concellería de Medio Ambiente sinalan que “os que desexen participar deberán facer por escrito un relato curto coa seguinte temática: que é o mar para os máis pequenos (1º e 2º ciclo de Primaria), e Burela…e o mar , para o grupo dos maiores. O documento poderá estar en galego ou castelán. As obras presentaranse en formato DIN-A4, cunha extensión máxima dunha cara”. Os participantes dividiranse en 3 grupos: o primeiro estará formado por nenos/as que cursen o 1º ciclo de Primaria, o segundo por nenos/as que cursen 2º ciclo de Primaria e o terceiro por nenos/as que cursen 3º de Primaria.
A data límite para a aceptación dos traballos (na Biblioteca Pública) é o vindeiro 3 de xuño de 2014. A cada participante admitiránselle unha obra. As obras presentaranse baixo pseudónimo, xunto con elas adxuntarase un sobre pechado en cuxo exterior figure o pseudónimo, título da obra e o curso escolar; e no interior do mesmo o nome, idade, curso escolar, domicilio e teléfono de contacto do autor.
O xurado estará composto por: un representante da Confraría de Pescadores, un representante da Oficina de Medio Ambiente do Concello de Burela e polo director da Casa da Cultura do Concello de Burela. O fallo do xurado farase público e avisarase telefonicamente aos premiados.
A entrega de premios terá lugar o 9 de xuño (luns) no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela, establecéndose un primeiro premio para cada categoría, que consistirá en lotes de material educativo relacionado co mar: un premio para 1º ciclo de Primaria, un premio para 2º ciclo de Primaria e un premio para 3º ciclo de Primaria.
A Delegación de Medio Ambiente e a Confraría de Pescadores indican que “os traballos serán expostos ao público unha vez que se emita o fallo do xurado e durante o prazo aproximado dun mes. Unha vez rematada a exposición, serán devoltos aos seus artífices; agás as obras premiadas que quedarán en propiedade da Confraría, que se reserva o dereito de editalas e empregalas sen ánimo de lucro e facendo sempre mención do autor das mesmas. As obras non premiadas que non sexan recollidas antes do 30 de xuño na biblioteca municipal entenderanse cedidas á Confraría”. E engaden que “a Confraría terá o máximo coidado no tratamento do material recibido, se ben non se fai responsable en caso de extravío ou deterioro involuntario, motivado pola manipulación das mesmas. A inscrición neste certame supón a total aceptación das bases e a aceptación do fallo inapelable do xurado”.