Barreiros, 12 de maio de 2014. O BNG pedirá información no Parlamento e no Concello de Barreiros sobre o estado do convenio asinado polo Concello coa Xunta e a Deputación (co voto en contra do BNG) para dotar de servizos aos edificios que foron construídos sen eles. Para o BNG “se a Xunta dá marcha atrás neste convenio, estase a demostrar que o que pretendían facer era tapar as ilegalidades que se cometeron na concesión de licenzas a edificios que non contaban con servizos suficientes para poder construirse”, sinalan desde o BNG.
“Con este paso, parece que o PP dá marcha atrás no seu plan de facerlle pagar a todas as galegas e os galegos a desfeita urbanística que permitiron en Barreiros, sen contar con normas que ampararan as construcións e pretendendo pola porta de atrás legalizar o que o Tribunal Superior de Xustiza decretou que era ilegal”, manifestou a portavoz municipal Ana Ermida.
A formación nacionalista preguntará no Parlamento e no Concello que é o que vai pasar agora con esas urbanizacións que foron construídas sen servizos e que, a día de hoxe seguen sen telos, e como vai o Partido Popular darlle solución a unha situación que eles mesmos crearon por non axustarse á normativa urbanística e intentar pasar por riba de calquera norma. Para o BNG o Partido Popular probou en Barreiros un modelo urbanístico que se lles escapa das mans e non son quen de controlar as súas consecuencias, pretendendo agora minimizar os danos.
O BNG, por medio da portavoz de urbanismo no Parlamento galego, preguntará tamén ao Presidente da Xunta sobre esta cuestión. “Agardamos unha resposta veraz do Presidente da Xunta e do Partido Popular, Alberto Núñez Feijoo, para que explique en que situación queda agora Barreiros. Cunha normativa obsoleta, cunha paisaxe inzada de esqueletos de edificios, cun Alcalde incapaz de afrontar as consecuencias do modelo urbanístico do PP e cun Partido Popular disposto a calquera cousa para tapar a súa nefasta xestión nesta materia”, afirmou a parlamentaria nacionalista, Ana Pontón.
Desde o BNG sinalan que “o que ten que poñerse a facer o Alcalde e o Partido Popular é traballar por solucionar o problema urbanístico que eles crearon, traballar para as veciñas e veciños de Barreiros e non facerlles pagar as súas falcatruadas e, desde logo, garantir que todas e todos os barreirenses teñan garantidos os servizos básicos”, conclúen.