Lugo, 12 de maio de 2014. Un grupo de 30 operadores turísticos do Leste de Europa visitan dende este luns a provincia de Lugo dentro dun fam trip promovido por Turismo de Galicia a través do cal poderán coñecer de primeira man a oferta turística coa que conta o territorio lucense. A viaxe percorre as catro provincias galegas ata o 15 de maio.
Na iniciativa, que se estenderá ata o día de mañá, participan 23 operadores rusos, 6 procedentes de Kazajistán, un de Uzbequistán e outro de Bielorrusia, que percorrerán varias zonas da provincia a través deste proxecto organizado por Turismo de Galicia en colaboración con Marfil Travel, empresa especializada en servizos de receptivo para un gran número de operadores turísticos de mediano e pequeno tamaño de Rusia e mercados próximos.
O Plan Integral de Turismo de Galicia recolle na liña estratéxica 5, centrada na comercialización de Galicia como destino único baseado nun modelo a demanda, accións a impulsar relacionadas coa promoción unificada da marca Galicia a través de prescriptores.
Así, neste conxunto de accións inclúense aquelas destinadas ao fortalecemento dos procesos de intermediación e comercialización. Como é o caso da realización de viaxes de familiarización para operadores turísticos e axencias de viaxe, así coma viaxes de prensa para mellorar a visibilidade do destino. Nesta liña enmarcase a colaboración que dende o ano 2012 Turismo de Galicia ven mantendo coa empresa Marfil Travel.
Percorrido pola provincia
No programa da viaxe inclúese a visita á capital lucense, na que se prevé un percorrido pola Muralla romana, o casco histórico e a catedral, ademais de disfrutar da oferta gastronómica típica.
Do mesmo xeito, durante o programa disposto para a provincia lucense, trasladaranse tamén a zona da Montaña lucense, concretamente, ata O Cebreiro, porta de entrada do Camiño Francés en Galicia, e tamén á zona do Piornedo, nos Ancares.
Ao longo do día de mañá, está previsto tamén un percorrido por alguns dos enclaves turísticos da comarca da Mariña, caso da praia das Catedrais, e os cascos históricos das vilas de Ribadeo e Mondoñedo.