Cervo, 12 de maio de 2014- O Concello de Cervo ultima os preparativos para a celebración da I Concentración de Coches Clásicos que terá lugar este domingo. Un evento ao que xa está confirmada a asistencia de 40 coches antigos procedentes da Coruña, Narón, Ourense, Lugo e diferentes puntos de Asturias.
Polo tanto, agárdase a participación dunhas 100 persoas, entre condutores e acompañantes. De todos os xeitos trátase dunha cifra provisional xa que o prazo de inscrición péchase o día 14 (no 669 653 977). Desta maneira “agardamos un destacable número de visitantes para esta fin de semana a través dun evento que terá un dobre beneficio para Cervo” asegura o edil de Zona Rural, José Ramón Soto.
Por unha banda, un cento de persoas de toda Galicia e Asturias “coñecerán o noso municipio e os seus enclaves turísticos”. E por outra banda a chegada de, como mínimo, 40 vehículos clásicos “será un atractivo para moitas persoas da zona que ben seguro visitarán Cervo para contemplar de preto este espectáculo”, engade Soto.
Ao mesmo tempo, o edil lembra o impacto que terá esta concentración na economía local. “A repercusión será inmediata, xa que esas 100 persoas pasarán todo o día en Cervo, xantarán en restaurantes do municipio e farán vida o noso concello”, explica. Da mesma maneira, visitarán a fábrica de Cerámica de Sargadelos, o Museo do Mar e a carpintería de ribeira.
Soto tamén destaca o posible retorno turístico deste evento a medio-longo prazo xa que se trata de 100 persoas que visitan o concello, a maioría por primeira vez, polo que “agardamos que queden contentos coa súa estancia e volvan noutras ocasións e incluso falen de Cervo aos seus familiares e coñecidos”.
Programa
A concentración arrincará ás 11:30 horas da praza do Concello de Cervo, incluíndo unha ruta polos puntos máis atractivos do municipio e que rematará na praza dos Campos de San Ciprián, onde está prevista a chegada a partir das 14:30 h. En concreto, discorrerá por lugares como o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, as inmediacións da praia de Rueta, o núcleo de San Ciprián, ou o faro de Punta Atalaia. Este evento está organizado polo Autoclub Clásicos Narón coa colaboración do Concello de Cervo.