A Mariña, 23 de xuño de 2014.- CIG Saúde A Mariña participou na mobilización de Vigo contra o peche de 1.200 camas no SERGAS en verán.
A protesta iniciouse cunha concentración ante o Museo Marco, onde os seus protagonistas escenificaron con colchóns e tendas de campaña a situación que se producirá nos hospitais de toda Galiza e que sufrirán os fogares galegos ao aumentar a “hospitalización a domicilio”, segundo María Xosé Abuín, do sindicato CIG-Saúde. Tras a concentración, a marcha partiu con centos de persoas percorrendo varias rúas ata o edificio administrativo da Xunta.
Abuín acusou a Sanidade de “recortar” os dispositivos de atención primaria e o cadro de persoal, deixando a hospitalización “a cargo das familias” ante este peche de camas. Ao seu xuízo, “dificúltase o acceso á hospitalización” e “empeórase a asistencia sanitaria”, obrigando a cidadanía a “recorrer ao servizo de urxencias”, onde constata “colas”.