26 de xuño de 2014.- A CIG-Saúde reclamou na mañá deste xoves, en rolda de prensa, que o SERGAS denuncie a IBERMAN, empresa concesionaria do servizo de mantemento dos aparellos de electromedicina; que deixe de pagarlle e que repoña nos seus postos aos profesionais que viñan facendo estas tarefas antes da súa privatización. Denuncia os constantes incumprimentos do prego de condicións e o mal servizo que presta e alerta de que todo indica que, malia isto, o SERGAS renovará a concesión con esta empresa incrementando os actuais custos.
A CIG-Saúde denuncia que a situación é de tal gravidade que os propios centros hospitalarios recoñecen que o mantemento electromédico se deteriorou até límites que mesmo poñen en perigo a asistencia sanitaria. Por iso reclama que se denuncie o contrato.
Asegura que os máximos responsábeis desta adxudicación, entre eles o Director de Recursos Humanos, Pablo Torres, coñecen a realidade pero non fan nada por resolver a situación. “Teñen informes detallados por Áreas de Xestión –seis lotes, que se corresponden con 6 Áreas- advertindo que IBERMAN, S.A. non está a cumprir ningún dos apartados do concurso”, denunciaron.
Entre outros incumprimentos sinalaron deficiencias na implantación do sistema informático (MantHosp); falta de persoal con presenza física as 24 horas nas Xerencias; renovación tecnolóxica; inventarios incompletos; incumprimento dos plans de mantemento correctivo, condutivo, preditivo, preventivo, técnico legal e substutivo; non teñen a disposición das xerencias equipos dispoñíbeis para substitucións en caso de avarías; carencia de medios técnicos; incumprimento dos tempos de resposta; non entregan informes nin balances de actuacións; non teñen a disposición das xerencias plans actuación.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, que compareceu acompañada de dos delegados Xosé Vázquez de Lugo; Fernando Rivas, de Ourense e Xermán Rouco de Pontevedra, preguntouse polos intereses ocultos aos que obedece a Conselleira para non tomar unha decisión que poña fin a esta “caótica situación”. Entende que estes informes non deixan dúbidas sobre os incumprimentos reiterados e manifestos en todos e cada un dos lotes adxudicados e denuncia que, malia isto, o SERGAS, “contravindo o contrato e as recomendacións de varias xerencias, está a pagarlle a esta empresa por un servizo que non presta”.
Para a CIG-Saúde detrás desta situación hai unha “estratexia de IBERMAN, S.A., pensamos que coa conivencia do SERGAS, de deixar pasar o tempo até que se cumpra un ano desde a adxudicación (xullo de 2014) para negociar unha revisión á alza no prezo do contrato”.
A isto engadiron que esta empresa “nunca tivo a intención de cumprir o contrato, e polo que parece o SERGAS non ten a intención de facerllo cumprir” e que desde que foi adxudicataria do servizo de electromedicina “sempre estivo a pór trabas e recorrer a argucias como que os inventarios de equipos non son reais ou que antes non se facía tal mantemento. Argumentos que a propia Conselleira, en sede Parlamentar, deu por bos cando defendeu a actuación da empresa”.
Alertan de que a situación pola que está atravesando o servizo de electromedicina desde a súa privatización “é de tal descontrol” que desde varias xerencias xa teñen enviado a Servizos Centrais escritos solicitando que se denuncie o contrato con IBERMAN, S.A.
Rescate do servizo
CIG-Saúde exixe, xa que logo, o rescate do servizo de electromedicina en base ás cláusulas da Folla de Prescricións Administrativas Particulares: 8.11.2. (incumprimento das obrigas contractuais esenciais), 8.11.3. (causas que aconsellan por interese público a extinción do contrato) e 8.11.4. (a adxudicataria deberá indemnizar a administración polos danos e prexuízos ocasionados).
Tamén exixe que, mentres non se resolva o contrato, se aplique a cláusula 8.7.4. da Folla de Prescricións Administrativas Particulares e cancele de inmediato todos os pagos á adxudicataria “por incumprimentos do contrato graves e moi graves de xeito reiterado”. Abuín asegura que de non facelo “os responsábeis do SERGAS estarían incorrendo nun delito”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde advirte que se a privatización do servizo de electromedicina está dando os problemas que está dando “non podemos imaxinar que ocorrerá cando se privatice, como xa nos teñen anunciado desde a Consellaría, a esterilización e a alta tecnoloxía”.
A este respecto lembra que son dous servizos que teñen unha incidencia directa na asistencia sanitaria e na calidade asistencial: quirófanos e radioloxía e subliña a magnitude económica destes contratos representan un negocio para as grandes empresas do sector que buscan inversións seguras.
“Esta é a política aniquiladora que o Partido Popular está aplicando na Sanidade Pública Galega: favorecer o negocio das empresas privadas a conta de todos os contribuíntes e por riba pondo en perigo a saúde dos galegos e das galegas”, conclúe.






















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



