Viveiro, 23 de xuño de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego levará este martes ao Pleno da Deputación unha iniciativa en defensa do sector pesqueiro da Mariña, ameazado por dúas medidas anunciadas polo Goberno do Partido Popular en Madrid: a autorización aos grandes mercados centrais como lugares de primeira venda de peixe e o anuncio da suba do IVE dos produtos do mar ao 21%.
A instancias do Bloque, o Pleno da Deputación pedirá ao Goberno de Mariano Rajoy que “rectifique” e dea marcha atrás nestas dúas medidas que suporían “un golpe mortal para o sector pesqueiro da Mariña no seu conxunto”, afirma Antonio Veiga, deputado provincial do Bloque e vicepresidente da Deputación.
O BNG destaca na súa iniciativa que “a pesca é un sector estratéxico para a comarca da Mariña tanto en termos económicos como de creación de emprego, un sector do que viven unas 5.000 persoas”. Na comarca entre 1.500 e 1.600 persoas están afiliadas ao réxime do mar, cun efecto multiplicador en terra de 3 ou 4 postos de traballo por cada un no mar, especialmente no sector da transformación e exportación. Das dez empresas con maior facturación da provincia de Lugo, tres están directamente vinculadas ao sector pesqueiro da Mariña.
Por iso, o borrador do Real Decreto do Ministerio que regula a Primeira Venda de Produtos Pesqueiros suporía un “duro golpe” ao sector, pois contempla autorizar como establecementos para poder realizar a primeira venda de peixe aos grandes mercados centrais como MercaMadrid ou MercaBilbao, o que suporía desmantelar o modelo actual baseado en que a primeira venda debe realizarse obrigatoriamente nas lonxas. De levarse a cabo a intención do Ministerio as grandes cadeas de distribución do Estado español pasarían a ter o control da comercialización do peixe, en detrimento das empresas locais de exportación, polas que pasa agora a cadea de comercialización e transformación e crean valor engadido e postos de traballo en comarcas pesqueiras como a Mariña.
Suba do IVE ao 21%
A moción presentada polos nacionalistas rexeita tamén a intención do Ministerio de Hacienda de subir o IVE dos produtos da pesca ao 21%, no lugar do 10% actual. Antonio Veiga afirma que “o peixe é un produto de consumo de primeira necesidade, non é ningún luxo” polo que rexeita esta medida que “suporía un aumento do prezo dos alimentos procedentes da pesca, unha caída das vendas e unha perda da actividade económica nun dos sectores estratéxicos da economía galega”.
Ademais, o BNG denuncia que esta subida suporía unha nova carga impositiva sobre o conxunto da cidadanía a través dun imposto indirecto, o que contrasta “coa ausencia de medidas decididas por parte dese mesmo Goberno central do Partido Popular para loitar contra a fraude fiscal ou para aumentar os impostos ás rendas máis altas”, denuncian os nacionalistas.
Escenificación hoxe ás 19:00 horas no Porto de Celeiro
O BNG presentará esta iniciativa que mañá levará ao Pleno da Deputación hoxe pola tarde ás sete da tarde no Porto de Celeiro nun acto no que estarán presentes o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, a responsable comarcal do BNG na Mariña, Ana Hermida, e os portavoces do BNG en Viveiro, Bernardo Fraga, e en Burela, Mario Pillado.
A iniciativa do BNG conta co respaldo unánime do sector, posto de manifesto en Expomar, e foi tamén aprobada a pasada semana no Parlamento Galego a iniciativa dos deputados do Bloque. Nos vindeiros días presentaranse tamén mocións deste tipo nos plenos de todos os concellos da comarca da Mariña.























A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



