Santiago, 6 de xuño de 2014.- Máis de 780 de escolares coñecerán dende hoxe e ata o 12 de xuño os buques do Servizo de Gardacostas, con motivo do Día Mundial dos Océanos, que se celebra o 8 de xuño. A Consellería do Medio Rural e do Mar programou unha serie de actividades divulgativas dirixidas aos máis mozos en diferentes puntos do noso litoral.
Este venres escolares do CEIP de Abelendo de Moaña (Pontevedra), do CEIP Virxe do Carme de Burela (Lugo), do CEIP Sada y sus contornos (A Coruña) e do CEIP Plurilingüe O Grupo (Ribeira, A Coruña) visitarán os barcos do Servizo de Gardacostas atracados nos peiraos de cada concello.
O luns realizarán visitas os alumnos do CEIP Eugenio López, de Cee; o martes os do CEIP Manuela Rial Mouzo, tamén de Cee e o xoves 12 farán a visita os alumnos do CEIP A Lomba, de Vilagarcía de Arousa. Os barcos que poderán coñecer os alumnos segundo a zona son: Xistral, María do Río, Irmáns García Nodal, Paio Gómez Chariño e Valentín Paz Andrade.
En cada unha das visitas guiadas, os nenos estarán acompañados por persoal do Servizo de Gardacostas. Desta maneira, coñecerán o labor que desempeñan estes profesionais e a importancia do seu traballo na loita contra a contaminación marítima e o furtivismo. Tamén está prevista a asistencia de diversos representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Ao rematar a visita, cada escolar recibirá, de man da tripulación, un diploma de grumete, personalizado, selado e asinado.