Lugo, 13 de xuño de 2014.- O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, durante os sete anos que ostenta o cargo practicamente cuadriplicou o endebedamento da Deputación, que pasou dos 10,7 millóns en 2007 aos 39,72 millóns no 2013.
Así o manifestaron esta mañá os populares durante o transcurso dunha rolda de prensa na que “poñemos os números sobre a mesa para denunciar publicamente a mala xestión das contas da Deputación lucense”.
Dende o Grupo Provincial do Partido Popular explicaron que a Conta Xeral da anualidade 2013 está actualmente a exposición pública, por un período de quince días, dende a publicación do anuncio no BOP de 4 de xuño.
Deste xeito, a comparativa dos indicadores da Conta Xeral de 2013 cos do 2007 permiten asegurar que mentres o endebedamento na época popular era de 30,31 euros por habitante, actualmente está en 114,80 euros por habitante. “Estamos a falar dun incremento do 278%” matizaron.
“Máis débeda, menos cartos nas contas da Deputación”
A maiores de case cuadriplicar o endebedamento, a xestión de Besteiro na Deputación Provincial de Lugo supuxo reducir os fondos líquidos en preto de 30 millóns de euros, -28.801.322€-. Os populares denunciaron unha caída do 34,5% dos fondos da Deputación entre os anos 2007 e o 2013. “Máis débeda e menos cartos nas contas da administración provincial”, resumiron.
Segundo os indicadores da Conta Xeral da Deputación de Lugo da anualidade 2013, a administración gobernada por Besteiro ten pendentes de pago facturas ou transferencias a outras administracións e particulares por máis de 50 millóns de euros, -52.100.445€.
“Estas son as contas que avalan a xestión de Besteiro”: dende o ano 2007 en que o socialista chegou ao goberno, a Deputación de Lugo case multiplica por catro o endebedamento, os fondos líquidos caeron nun 34,5% e as obrigas pendentes de pago incrementáronse nun 176,6%.
Besteiro racha coa redución do endebedamento
No ano anterior a 2007, é dicir, entre o exercicio 2006 -2007, co PP no goberno provincial, reduciuse en catro millóns de euros o endebedamento -4.221.263€-; así, en canto á análise de datos por habitante, este pasou de 42,02 a 30,31. A maiores, os fondos líquidos entre 2006 e 2007 aumentaran nun só ano máis de 17 millóns de euros, -17.344.183 €-.
Dá as costas ao 64% dos concellos
Os populares analizan que estes datos se dan pese a que o socialista gobernou durante este sete anos de costas ao 64% dos concellos. “A administración provincial caracterízase por non cumprir as súas competencias de cooperación e asistencia aos concellos, a maiores de atender só aos municipios da súa cor política”.
“Besteiro chega e racha coa redución da débeda, e a día de hoxe os lucenses deben máis e teñen menos nas contas da Deputación, pese a que gobernou para unha minoría”, concluíron.
2007 | 2013 | Diferenza | ||
Endebedamento por habitante (operacións de crédito a longo prazo) | 30,31€ | 114,80€ | 84,49€ | O endebedamento por habitante case se multiplica por catro con Besteiro. Suben un 278% |
Fondos líquidos (diñeiro nas contas da Deputación) | 83.351.379€ | 54.550.057€ | 28.801.322€ | Os fondos líquidos caeron nun 34,5% |
Obrigacións pendentes de pago (Facturas ou transferencias que non se aboaron) | 18.832.821€ | 52.100.445€ | 33.267.624€ | E as obrigas pendentes de pago case se triplican. Suben un 176,6% |