Burela, 26 de xuño de 2014.- A Escola Municipal de Música de Burela e a Concellería de Cultura e Educación organizan o V Curso de Música Interdisciplinar que se celebrará do 29 de xuño ao 4 de xullo e que foi presentado este mediodía polo director da escola, Xan Carballal, pola concelleira de Cultura e Educación, Mónica Pedre, e polo alcalde, José Mª González Barcia.
Segundo explicou Carballal “no curso poderán participar tanto aqueles estudantes que xa teñan contacto coa música a nivel elemental como alumnos máis avanzados de distintas especialidades. Neste quinto curso traballaranse diferentes aspectos como análise musical, música de cámara e coro. Tamén se impartirán clases dos diferentes instrumentos, segundo as necesidades e o nivel de cada alumno, así coma colectivas e talleres activos, nos que poder traballar aspectos como as técnicas de relaxación”.
O director da Escola Municipal de Música de Burela sinalou que “se traballará en formación de banda e orquestra, onde se levará a cabo a aprendizaxe por medio do traballo de ensaios seccionais e xerais dentro destas formacións e ofrecerase a posibilidade de que alumnos de diferentes niveis poidan participar, potenciando así o traballo en grupo e a coordinación”.
O V Curso de Música Interdisciplinar contará coa colaboración da soprano rusa Irina Bunkova, que impartirá clase de canto e coro na aula vogal. As actividades que centran esta cita son: taller infantil, coro infantil, aula coral, banda, orquestra infantil, jazz, música de cámara e orquestra.
Ademáis haberá tres concertos. O mércores, 2 de xullo, ás 19 horas na escola a protagonista será a Música de Cámara; o xoves, 3 de xullo, ás 20:30 horas na Casa da Cultura, Agrupacións; e o venres, 4 de xullo, ás 12 horas na escola Taller infantil.
O Curso de Música Interdisciplinar é gratuíto tanto para @s alumn@s da escola coma para os libres.