Lugo, 27 de xuño de 2014.- Non existe constancia de ningunha solicitude realizada polo Concello do Valadouro na Xunta de Galicia para autorizar a constitución de brigadas contra incendios nese concello.
En contra do exposto polo alcalde do municipio do Valadouro, non hai constancia de que a solicitude para adherirse aos convenios para prevención e defensa contra incendios fose formalizada nin a través do rexistro da Xunta, nin doutras institucións oficiais, nin tampouco mediante o portelo único do propio Concello do Valadouro. Así mesmo, tampouco existe constancia de comunicación certificada, nin por fax da devandita solicitude.
Por tanto, a inexistencia de solicitude é o motivo polo que O Valadouro carecerá de brigada municipal contra incendios de cara á tempada de alto risco de lumes no presente ano, ao contrario do que sucede en tódolos concellos da provincia que formalizaron a súa solicitude, aos que lles foi concedida unha ou, nalgúns casos, dúas brigadas.
De feito, Medio Rural inviste 1.705.862 euros nesta acción, que beneficia aos 58 concellos que o solicitaron e suporá a contratación nos vindeiros días de traballadoras e traballadores para as brigadas locais contra incendios no territorio lucense.
Deste investimento de máis de 1,7 millóns de euros, 335.123 euros corresponden as dotacións da comarca da Mariña, na que se benefician os 12 concellos da zona que o solicitaron e aos que se lles autoriza a contratación de 62 persoas.