Cervo, 6 de xuño de 2014. A negativa do PP a apoiar onte no pleno a iniciativa do BNG impediu un acordo unánime da corporación cervense reclamando dereito a decidir sobre o modelo de Estado após da abdicación do monarca español. Para o BNG o PP tenlle pánico a abrir procesos democráticos de decisión popular e manteñen un non rotundo a abrir un debate arredor dunha constitución que consideran inamovíbel excepto cando se trata de cumprir os mandados da UE como foi a reforma espress da constitución pactada entre o PP e o PSOE na lexislatura pasada.
O BNG reclamaba un pronunciamento expreso da corporación local para a “apertura dun proceso constituínte que permita superar o actual marco constitucional incluíndo a participación popular na reformulación do modelo de estado, con garantías no social e democrático e onde as nacións sexan o referente político, para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español recoñecendo o noso dereito a decidir”.
Os nacionalistas a pesar de non saír adiante a iniciativa, agradecen que se permitira o debate sobre unha moción presentada por urxencia sobre un asunto que está de plena actualidade.
Con todo, a intransixencia do PP impediu o acordo, ao non entender que o debate sobre a configuración territorial do Estado debe ter unha solución dialogada e democrática no sentido de ofrecer aos pobos o dereito a decidir sobre a súa autodeterminación e futuro. Manter as vías democráticas de participación popular pechadas non ten sentido nun estado que se considera democrático pero demostra, dia si e día tamén que non o é tanto, cando pecha a posibilidade de abrir un novo proceso constituínte para manter un modelo monárquico anacrónico e moi criticado socialmente e unha constitución tutelada polo poder militar.
Desde o BNG insisten na reclamación cidadá de mais liberdade para tomar parte do seu propio futuro e por tanto capacidade para decidir. E nese espazo verdadeiramente democrático, onde se garanta o dereito de autodeterminación dos pobos, non ten cabida ningún rei. Por todo isto, xulgamos importante que se inicie un proceso constituínte, baseado na soberanía dos pobos, onde Galiza sexa referente político.