Lugo, 6 de xuño de 2014.- Persoal de corpos de Protección Civil e servizos de emerxencias de seis concellos da provincia de Lugo participarán durante esta fin de semana no curso de Busca e salvamento en montaña e zonas illadas que promove a Xunta de Galicia.
Nesta actividade formativa participan 15 representantes de corpos de actuación en materia de emerxencias procedentes dos concellos de Guitiriz, Monforte, Monterroso, A Pontenova, Sarria e Vilalba.
Na actividade formativa de Vilalba, incidirase en aspectos como coordinación do socorro, protocolos de busca, lectura e interpretación de mapas, técnicas de busca e salvamento en zonas de difícil acceso, axentes agresores na montaña e técnicas de inmobilización e traslado con medios convencionais e improvisados.
Esta actividade está orientada á ampliación da preparación coa que contan as agrupacións de Protección Civil, servizos profesionais de emerxencias e os distintos corpos de seguridade que actúan na provincia.
Este curso, de cuxa organización e de impartir a docencia encárgase a Dirección Xeral de Emerxencias, en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública, é o terceiro dos cinco previstos dentro do programa formativo impulsado na provincia neste primeiro semestre do ano para a mellora da formación dos corpos de emerxencias.
Nas próximas semanas leváronse a cabo outros dous cursos na provincia: un, sobre incendios urbanos e forestais e outro, sobre accidentes en estradas. Nos dous últimos meses desenvolvéronse senllos cursos básicos de Protección Civil nas localidades de Vilalba e Monterroso.