Lugo, 19 de xuño de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, que vén de aprobarse a concesión de subvencións de concorrencia non competitiva a clubs deportivos da provincia de Lugo para os gastos de tempada pola súa participación en ligas ou campionatos oficiais federados por equipos de 1ª ou 2ª categoría absoluta estatal, ano 2014, dirixidas a clubs e entidades deportivas.
Esta liña de axudas súmase á concesión de subvencións de concorrencia non competitiva a clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas da provincia de Lugo para os gastos de tempada pola súa participación en ligas ou campionatos oficiais federados por equipos de 1ª ou 2ª categoría absoluta estatal, ano 2014.
Neste sentido, o vicepresidente da Deputación precisou que “a liña de axudas en concorrencia non competitiva ten dous bloques, o primeiro deles, aprobado a semana pasada, que enmarca as Sociedades Anónimas Deportivas, nomeadamente o Club Deportivo Lugo e o CB Breogán SAD, que perciben 260.546,87 e 464.453,13 euros, respectivamente; e o segundo, aprobado hoxe, ofrece cobertura a clubs e entidades deportivas tales como o Club Porta XI CB, o Prone, o Peluquería Mixta Friol, o Club de Voleibol Emevé, e o Burela FSF”.
A contía das axudas aprobadas na sesión deste venres de Xunta de Goberno ascende a 525.000 euros, que se suman aos 725.000 euros do primeiro bloque, polo que estamos a falar dun montante de 1.250.000 euros.
Asemade, o vicepresidente da Deputación lembrou que “está en proceso de resolución a concesión, mediante procedemento de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas a entidades e clubs da provincia de Lugo para a realización de actividades deportivas nesta anualidade, por valor de 500.000 euros, polo que estamos a falar de un total de 1.750.000 euros en liñas de axudas a clubs lucenses”.
“É unha boa nova para todos os clubs da provincia que as liñas de axuda da área de Deporte da Deputación de Lugo sigan en marcha e o seu curso, cubrindo así moitas expectativas económicas que teñen os clubs. Estamos a falar dun orzamento total da área de Deporte que ascende a 3,8 millóns de euros. Isto convértenos, unha vez máis, nunha das Deputacións do Estado que máis diñeiro inviste en deporte por habitante, só superada polos cabildos insulares e Guipúscoa, que contan cun réxime fiscal diferente” – precisou Veiga.