Barreiros, 25 de xuño de 2014. Xabier Díaz substituirá a Uxía Senlle no VI Encontro do Eido Dourado que se celebrará o vindeiro sábado, 28 de xuño, nos xardíns deste espazo dedicado ao arte, a partires das 20 horas. A cantante pospuxo o seu paso por este lugar para o 13 de xullo, por mor dunha viaxe que lle xurdiu a Portugal.
Celso Dourado explicou que “o prato forte sempre é a música; o Eido Dourado desenvolve unha actividade durante as noites do verán na que a maior parte son concertos. Neste caso íamos abrir o sexto encontro do Eido Dourado con Uxía Senlle, pero por motivos alleos de programación pospuxo a súa intervención no Eido Dourado para o día 13 de xullo, domingo, cando nos dará un concerto intimista nos xardíns. Puxémonos en contacto con amigos diferentes e ao final vai ser substituída por Xabier Díaz, que vai abrir o Eido Dourado este ano. É a voz solista do grupo Berrogüetto e un home cunha fonda traxectoria”.
O artista barreirense engadiu que “despois del actuarán todo o elenco de músicos que se van dar cita, que serán incluso máis dos que figuran no cartel: estarán Mini e Mero, amigos de sempre; Xiana Lastra, que é unha das voces máis renovadoras deste país, é unha rapaza moi nova cunha gran voz; estará tamén o carnyx, esta especie de trompa celta que creou Abraham Cupeiro recreando antigas trompas xa perdidas. Él faranos unha exhibición de cómo soa este instrumento”.
No acto previsto para o vindeiro sábado non faltará o teatro: “no eido do teatro estarán Os da Ría, son un grupo de humoristas de sobra coñecidos que mesturan o teatro coa música e viceversa. Inauguraremos unha escultura que fixo ex profeso Domingo, o escultor do Bierzo, no Eido Dourado. Estámola instalando precisamente nos xardíns e o escultor de Lugo Paco Pestana será o mestre de cerimonias. No apartado de poesía estará David Otero, un escritor de sobra coñecido que nos recitará; un bo amigo que tamén estará con nós”. A actriz e xornalista natural de San Miguel de Reinante, Comba Campoy, será a encargada de conducir o evento un ano máis.
Celso Dourado anima á xente a acudir ao VI Encontro no Eido Dourado: “é unha oportunidade de ver en vivo e en directo a persoas coma Xavier Díaz, a Xiana Lastra, ao carnyx de Abraham Cupeiro, etcétera. Xa non digo a Mini e Mero porque soen estar case todos os anos e aos que me une unha boa e grande amizade. Sempre é un ambiente distendido onde nos atopamos cantidade de xente para escoitar boa música, tomar un viño, coller un pincho e disfrutar, aínda que faga algo de frío, como ocorreu en xornadas anteriores. A ver como nos trata o tempo este ano”.
Sobre o aprazamento do concerto de Uxía Senlle o artista barreirense comentou que “lle xurdiu un concerto en Portugal e púxose inmediatamente en contacto comigo para modificar o cartel, cousa que fixemos, e comprometeuse a estar o domingo 13 de xullo ás dez da noitiña para abrir os concertos ao solpor que facemos todos os veráns no Eido Dourado. Será gratuíto, por suposto. Uxía xa nos dixo que non quería ningún tipo de remuneración económica e será aberto ao público. Nestes concertos este ano, como sempre, buscamos músicas diferenciadas e diferentes, pois teremos música angolana, tamén flamenco feito en Galicia con Iria Peña e un bailaor e outros tipos de música que tamén encheran o Eido Dourado durante as noites dos domingos este verán”.