SANTIAGO. O alcalde de Ferrol e presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela, solicitou este luns por carta ao secretario de Estado de Xustiza, Fernando Román, un encontro coa Xunta de Voceiros da Federación para abordar a preocupación existente no municipalismo galego polo anteproxecto de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial, do que se derivaría unha supresión da actual estrutura de partidos xudiciais e a centralización dos xulgados nas capitais de provincia.
A Xunta de Voceiros da Fegamp está composta polo seu presidente, José Manuel Rey, e os alcaldes do Barco de Valdeorras (Alfredo García), Allariz (Francisco García) e Cervo (Alfonso Villares) na súa condición de vicepresidentes.
Rey Varela materializa así os acordos alcanzados na Comisión Executiva da Fegamp, nos que xa se puxo de manifesto o rexeitamento dos alcaldes e alcaldesas galegos a esta reforma xudicial por entender que dificulta o acceso á xustiza dos cidadáns.
Nas últimas semanas, a Fegamp recibiu as queixas de diversos colectivos profesionais como o Consello da Avogacía Galega, moi críticos tamén con esta reforma, así como os pronunciamentos de diversos plenos municipais.
Na súa carta ao secretario de Estado, Rey Varela expón a realidade territorial de Galicia, cunha variable como a dispersión poboacional que condiciona claramente a prestación dos servizos públicos. Por iso, evidencia as negativas consecuencias que unha centralización de xulgados podería ter para as zonas do rural ou máis afastadas das capitais de provincia.
“A supresión dos partidos xudiciais preocupa aos alcaldes de todas as cores porque afasta a xustiza dos cidadáns”, explica José Manuel Rey, “é unha queixa xeneralizada que recibimos e é a nosa obrigación como Federación atendela, canalizala e facer que sexa tida en conta”.
O presidente da Fegamp lembra a importancia da unidade do municipalismo, “que durante a tramitación da reforma local nos permitiu introducir algunhas melloras no texto inicial, que era moito máis negativo que o finalmente aprobado”. “Se fomos capaces de actuar unidos entón, confío en que volvamos facelo agora”, sinala, “e a unanimidade que temos na Comisión Executiva é un primeiro paso”.
Rey Varela tamén se mostra confiado polo feito de que “a Xunta tampouco comparta esta supresión dos partidos xudiciais”, do mesmo xeito que foi igualmente crítica coa reforma local, ata o punto de aprobar unha Lei de Medidas Urxentes para adaptala á realidade municipal de Galicia.
“Se Xunta e concellos mantemos un mesmo discurso, unha mesma reclamación, unha mesma esixencia de que se atendan ás diferenzas de Galicia respecto doutros territorios, estou seguro de que se nos escoitará e atenderá”, apostilou Rey Varela.