Ribadeo, 17 de xullo de 2014. Ás doce do mediodía abría as súas portas no parque de San Francisco a Feira do Libro, que se prolongará ata o vindeiro domingo.
O horario de visita será polas mañás de 12 a 14 horas e polas tardes de 18 a 22 horas.
A inauguración oficial terá lugar ás 20 horas de hoxe. O acto dará comezo coa actuación do grupo de clarinetes da Escola Municipal de Música de Ribadeo. A continuación terá lugar a quenda de intervencións. Alí estarán o vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Antón Pedreira; a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raque Arias. Ás 20:45 horas Dores Fernández Abel, presidenta da asociación cultural Francisco Lanza, pronunciará o pregón inaugural da Feira do Libro de Ribadeo. O acto rematará coa visita aos 11 stands, mentres haberá unha nova actuación do grupo de clarinetes da Escola Municipal de Música de Ribadeo.
Durante a Feira do Libro haberá diversas actividades para os máis pequenos, música e teatro.