Burela, 11 de xullo de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, considera que as obras de acceso ao porto de Burela poderían ser adxudicadas a finais do vindeiro mes de setembro ou principios de outubro. O DOG publica este venres unha resolución coa data para o levantamento das actas previas á ocupación para a expropiación dos bens e dereitos afectados por ditos traballos.
O rexedor explicou que “a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, continúa coa tramitación de todo aquilo que ten que ver coas obras de acceso ao porto de Burela. En concreto no día de hoxe o Diario Oficial de Galicia publica un anuncio polo se convoca aos propietarios afectados pola expropiación dos terreos adicionais contemplados no proxecto de obra do acceso ao porto para a firma das actas de ocupación. Será o día 13 de agosto entre as dez da mañá e a unha e media do mediodía na Casa do Concello de Burela”.
González Barcia considera que “deste xeito a Xunta continúa coa tramitación de todo aquilo que ten que ver coa obra, do expediente administrativo. E, de feito, no día de onte remataba o prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas en construír estas obras. Todo apunta a que durante o que queda deste mes e no de agosto os técnicos da Consellería van proceder á valoración das ofertas presentadas polas distintas empresas que desexan levar a cabo as obras e que poderían adxudicarse nos últimos días de setembro ou nos primeiros de outubro”.
O alcalde lembrou que a obra de acceso ao porto de Burela ten un presuposto de preto de 8 millóns de euros.