Cervo, 11 de xullo de 2014- O Concello de Cervo activou un servizo especial de limpeza viaria e medioambiental durante os meses do verán co obxectivo de manter o municipio en óptimas condicións. Desta forma, o goberno local reforza este servizo coa contratación de máis persoal que permita atender as necesidades da temporada.
En concreto, o Concello contratou a 18 desempregados, que hai uns días comezaron a realizar diferentes tarefas que benefician á zona urbana e rural. En canto aos traballos, están consistindo na limpeza en rúas, prazas, parques e outros espazos públicos, ou o mantemento e conservación de espazos verdes.
Uns traballadores que realizarán estas tarefas durante dous meses e medio. Para a posta en marcha deste servizo de reforzo o Concello destinará 45.000 euros, dirixidos a costear os gastos de persoal. Un importe que financia o Concello integramente con fondos municipais.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, considera que este dispositivo especial de mantemento é “fundamental para que veciños e visitantes atopen un municipio coidado” e destaca que estas brigadas “velarán polo bo estado dos nosos espazos públicos e pola conservación da natureza”.