Ribadeo (Lugo), 12 de xullo de 2014.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, informou este sábado que as obras de carácter inmediato recollidas no Plan de actuación para a regulación do uso público no Monumento Natural da Praia das Catedrais, na parroquia da Devesa, no concello de Ribadeo, iniciaranse este mesmo luns, 14 de xullo, e implican un investimento de 60.000 euros.
A conselleira de Medio Ambiente visitou este sábado este areal xunto co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Conservación Natureza, Verónica Tellado e a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias. Destacou a necesidade de establecer estas medidas debido a que este espazo da mariña lucense converteuse nos últimos anos nun importante foco de atracción turística. A masiva afluencia de visitantes, en períodos puntuais, representa un problema de superación da capacidade de acollida e, en consecuencia, un risco para a conservación dos hábitats e formacións xeolóxicas que motivaron a súa declaración.
Ante esta situación, a Xunta leva a cabo unha actuación para a ordenación do uso público no monumento natural, que sexa compatible coa conservación dos seus valores ambientais e o aproveitamento sustentable do recurso turístico. Tal e como recoñeceu a conselleira, este plan ten dúas fases: a inmediata, presentada hoxe, e outra a medio prazo, que consiste na redacción do Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais. No seu conxunto, estas dúas medidas implican un investimento de 160.000 euros, que serán aportados polo Goberno galego.
Uso público e información
As accións inmediatas a executar supoñen o mantemento do sendeiro peonil existente, informando do risco de acercamento ao borde do cantil en puntos concretos do percorrido. Tamén se mellorará a sinalización, coa instalación de paneis informativos cos valores ambientais e as normas e condicións de uso público no espazo protexido.
Dende o vindeiro luns levarase a cabo un recoñecemento técnico sobre o terreo para analizar a mellor ubicación dos paneis informativos e indicativos e para determinar a mellor forma de realizar as actuacións, co fin de evitar posibles molestias aos cidadáns que se acerquen a coñecer este monumento.
Tamén se dotará de tres guías informativos que dende o vindeiro 24 de xullo trasladarán información sobre normas de uso público e acceso ao Monumento Natural, ao tempo que facilitarán información sobre outros destinos turísticos de natureza na contorna.
Estas medidas pretenden evitar a alteración dos hábitats e especies protexidas pola acción das pegadas fóra das sendas habilitadas, así como por outro tipo de actividades, como os aparcadoiros irregulares ou os postos de venda ambulante non autorizada. Tamén facilitarán a conservación deste monumento natural ao minimizar a reactivación de procesos erosivos, que constitúen un risco para a integridade física dos visitantes.
Plan de conservación
Ethel Vázquez destacou que o Consello da Xunta tamén acordou iniciar a tramitación do Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais. Un instrumento de planificación que establecerá o réxime de usos e limitacións necesarios para a conservación deste monumento natural. Este documento será vinculante para as administracións públicas e particulares.
“Trátase de definir e establecer as normas de uso público do espazo ao regular a afluencia de visitantes e adecuación de accesos; e regulará o aproveitamento do solo e dos recursos naturais” aclarou.
A previsión da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é contar con este documento no próximo verán, polo que xa está a traballar no documento ambiental estratéxico, que se espera que estea finalizado no mes de setembro.
Praia das Catedrais
A praia de Augasantas, coñecida popularmente como As Catedrais, sitúase no extremo oriental da provincia de Lugo -parroquia da Devesa- no concello de Ribadeo. Constitúe un magnífico exemplo do poder erosivo das ondas, das mareas e do vento sobre as lousas e xistos que conforman os cantís. As espectaculares formacións de arcos e furnas que dan nome á praia son reflexo dun proceso xeolóxico activo, que converteu o espazo nun reclamo turístico a nivel internacional.
Este enclave da mariña lucense obtivo a distinción de monumento natural en xaneiro de 2005 (Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro). Ocupa unha superficie de 29 hectáreas, das cales, 20 corresponden ao medio mariño.
O elevado valor ambiental da Praia das Catedrais non radica unicamente na súa singularidade xeomorfolóxica e calidade escénica, senón tamén nos importantes valores ecolóxicos que agocha, que fan necesarias a adopción de accións de protección que aseguren a conservación deste ecosistema de forma compatible co seu uso e goce por parte da poboación. Por este motivos, ademais da protección derivada de ser monumento natural, tamén está declarada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000, Lugar de Interese Xeolóxico e pertence á Reserva Natural do Río Eo, Oscos e Terra de Burón.
Desde unha perspectiva ecolóxica, a contorna da praia das Catedrais mostra unha sucesión de medios de gran diversidade e complexidade ambiental, característicos do transición entre os ecosistemas mariño e terrestre.
Segundo a cartografía do sistema de unidades ambientais do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, no ámbito das Catedrais identifícanse un total de 16 hábitats – recollidos no Anexo I da Directiva 92/43/CEE-, dos que 4 se consideran prioritarios.
Aínda que boa parte do espazo do Monumento natural ocupa a franxa intermareal e o sector mariño, destaca a vexetación da parte superior dos cantís (especialmente no seu extremo oriental, lindante co Concello de Barreiros) onde se conserva un boa representación da uceira-toxeira aerohalina. Dentro desta asociación destaca a presenza de Erica vagans, que caracteriza ás matogueiras costeiras da rasa cantábrica, consideradas hábitat prioritario. A vexetación propia dos cantís está tamén representada por especies endémicas da rasa cantábrica, entre as que destaca Armeria pubigera subsp. depilata, a subespecie cantábrica da coñecida popularmente herba de namorar’.






















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



