Barreiros, 15 de xullo de 2014. Hai unha hora que se localizaba en Benquerencia a fuga que estaba a ocasionar que se baleiranse algúns dos depósitos da traída auga do municipio. O alcalde, Alfonso Fuente, pide á poboación que non mal gaste a auga ata que a situación se normalice ao 100%, algo que agarda aconteza ao longo da xornada de mañá, mércores.
O rexedor explicou que “ás seis da tarde conseguíamos detectar onde tíñamos ese problema e xa se está traballando alí. Na zona de Benquerencia perdíase auga e por iso baixaba a presión na rede e foi o que puido producir en gran medida a baixada de nivel dos depósitos. Agora estase traballando para encher ditos depósitos. Neses momentos os bombeiros de Barreiros seguen enchendo o depósito de Reinante, ás seis da tarde faltaban aproximadamente dous metros para acabar de enchelo. Xa se está metendo auga tamén dende a rede”.
Fuente Parga pide que “durante estes días, para poder recuperar a estabilidade dos niveis dos depósitos, se evite o rego en xardíns, que se faga só se é estritamente necesario e senón que se evite”.
O alcalde dirixiuse á xente que aguantou todas estas horas sen subministro de auga: “quero dicirlles que sabemos o que é esta situación porque evidentemente cando o sofren os veciños tamén sufrimos esa falta de auga na nosa persoa. Non vou dicir que o fixemos nun tempo récord, porque evidentemente o ideal é que non pase, pero as fugas ocorren e cando é nunha época de calor e estival aínda preocupa máis”.
E engadiu que “volvemos á normalidade pouco a pouco. Intentaremos entre hoxe pola noite e mañá recuperar a estabilidade nos depósitos”.