O 25 de xullo vai ser para Espazo unha data clave para fixar por parte das forzas políticas as axendas do próximo curso. Asistimos a un novo período político, tralo 15M, que nos fala dunha maior participación cidadá, dun novo xeito de entender a política ligada ás demandas reais da xente, ao Ben Común.
En opinión de Espazo “os resultados das pasadas eleccións europeas amosan que ese novo período político ten moito que ver co esgotamento dun modelo político onde a democracia era entendida como un instrumento a unha nova etapa onde a democracia empeza a ser entendida como unha expresión cívica e cultural”.
O curso 2014-2015 vai a estar ligado ás eleccións municipais e nesas a esquerda debería situar un novo relato de cambio democrático ligado a novas axendas.
Espazo Ecosocialista quede conmemorar o Día Nacional de Galicia sitúando no centro da súa reivindicación a defensa das axendas sociais, ambientais e democráticas, para que o noso Día Nacional sexa identificado como o día da defensa da radicalidade democrática en Galicia.
Para Espazo “ é preciso ligar a soberanía ás demandas cívicas é así poder referenciar o soberanismo cívico como un elemento clave para o cambio. E un deses elementos centrais, un desas axendas do cambio, é o ecoloxismo, a defensa do medio natural nacional e do desenvolvelmento sostible en Galicia.
Nos últimos tempos unha nova ameaza cérnese sobre a nosa terra, a megaminería. Tratase dun novo modelo especulativo sobre o noso territorio co fin da procura de beneficio rápido a costa de deixar arrasado o noso ben común natural.
O último deses proxectos de megaminería posto ao descuberto seria o de Erimsa en Oroso. Un proxecto no corazón de Galicia que provocaría un desastre medioambiental sobre a zona de Oroso-Compostela afectando ao val do río Tambre declarado ZEC-Rede Natura polo seu alto valor paisaxístico e ambiental.
Por isto, Espazo Ecosocialista celebrará este 25 de xullo cun acto político na Illa do Refuxio do Tambre (Sigueiro-Oroso) baixo o lema: “A construción da nación comeza na defensa do BenComún natural”.