A Deputación trae, un ano máis, á provincia de Lugo o Barco Muralla; unha aula turístico e ambiental na que se ofrecen actividades e formación sobre o espazo natural da provincia. Esta fin de semana o barco inicia a súa ruta de verán, comezando polo municipio de O Incio. É o primeiro dos Concellos ós que se achegará a embarcación neste ano que ademais visitará durante os meses de verán máis de 70 localidades como Burela, Viveiro, Monforte de Lemos e Vilalba entre outros.
O proxecto, que leva activo dende o ano 2010, chegou xa a máis de 50.000 persoas que desfrutaron e aprenderon de primeira man a riqueza patrimonial, natural e histórica da provincia, como por exemplo as Reservas da Biosfera.
O Barco Muralla de Lugo conta con todo tipo de información medioambiental e mobiliario e material náutico que foi doado gratuitamente polas confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro. Ademais, os visitantes poderán coñecer, mediante unha exposición de imaxes cedidas pola asociación Terra de Viveiro, algunha das fotografías máis emblemáticas da provincia, entre as que destaca a máis antiga que se conserva do porto viveirense.
A embarcación, que a Deputación trasladará por practicamente a totalidade da xeografía lucense, pesa 3.500 quilos e conta cunha dimensión exterior total de 12 metros de longo e 5 de alto. Está totalmente ambientada coma os barcos da zona da Mariña, e as súas cores son o vermello e o azul marino, seguindo a simboloxía heráldica da Deputación, e o verde, seguindo as cores de Lug02 e do medio natural.
O seu interior está dotado con ordenadores e todo tipo de información medioambiental para que as persoas que alí se acheguen comprendan mellor o espazo e riqueza natural da provincia. Ademais, nel pódense atopar redes, timóns, brúxulas, nasas, luces, salvavidas, barómetros, equipos de localización de buques, radio balizas de pesca ou balsas hincables de salvamento orixinais, e que no seu día se empregaron no traballo realizado en barcos mariñanos.