A Mariña, 17 de xullo de 2014. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña vén de presentar as actividades que levarán a cabo para celebrar o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega. Baixo o lema “En pé por Galiza. Soberanía, democracia, dereitos” a formación nacionalista celebra a simbólica data na que chama ao pobo galego a “construír o seu futuro sen ataduras, proclamando o seu dereito a dotarse dunha República de seu, libre e democrática.”
Como acto central, o 25 de xullo ás 12 da mañá, unha mobilización percorrerá o centro de Santiago de Compostela. Para asistir, a agrupación comarcal do BNG pon a disposición das mariñás e mariñáns buses que sairán o propio venres 25 arredor das 9 da mañá. Xa en Compostela, tras a participación na mobilización, haberá un xantar organizado con un prezo de 20€ para adultos e 10€ para crianzas. Desde o BNG animan a acudir e dan un teléfono de contacto para anotarse: 982.140.654, en horario de 10 a 14h.
Con carácter previo ao día grande, o BNG repartirá material animando a celebrar a data e colocará postos en diversos puntos da comarca nos que se repartirán bandeiras da Patria Galega para pendurar en fiestras e balcóns. “Temos que mostrarnos orgullosas e orgullosos do que somos e non hai mellor xeito de facelo que pendurando a nosa bandeira nas nosas vivendas o día da nosa festa nacional”, aseguran desde o BNG.
Igualmente, as localidades de Foz e Barreiros acollerán cada seu acto de celebración os días 19 e 20 de xullo. O sábado 19, a partir das 19 horas, terá lugar na explanada do porto de Foz a XXI edición da Festa da Patria, na que se servirán racións do tradicional chicharro lañado, preparado pola militancia e simpatizantes da localidade. Ao día seguinte, a localidade de Barreiros celebra a IX edición da Manifesta da Patria que comezará ás 10:30 da mañá con un roteiro que partirá da área recreativa da Insua e que percorrerá o Santo Estevo do Ermo e o monte Penabor. Ás 14:30h. terá lugar o xantar, con callos e bonito, na área da Insua, a onde voltará o roteiro de pola mañá. Durante a tarde haberá intervencións políticas, co a presenza da Parlamentaria Ana Pontón, música e xogos tradicionais.