Barreiros, 18 de xullo de 2014. O BNG de Barreiros celebra o vindeiro domingo, 20 de xullo, a súa tradicional Manifesta da Patria Galega, que chega xa á IX edición.
Nesta ocasión, a formación nacionalista achegarase á área recreativa de A Insua para organizar un xantar e unha xornada de convivencia con carácter previo á celebración do Día da Patria Galega, o 25 de xullo. Os nacionalistas barreirenses iniciaron hai xa nove anos a celebración desta Manifesta con unha dupla intención: “por un lado, pretendemos animar á xente na celebración do Día da Patria Galega e á participación nos diversos actos que se programan, coma a manifestación do 25 de xullo en Compostela”, explica a responsábel local, Belén Fernández. “Pero por outro lado, desde a primeira edición, pretendemos pór en valor espazos de interese no noso concello. Por iso temos organizado esta Manifesta no Santo Estevo do Ermo ou á beira do río Masma. Nesta ocasión, escollemos a área recreativa da Insua e organizamos un roteiro que percorrerá o Santo Estevo do Ermo e o pico de Penabor, entre outros lugares de interese.” A saída farase desde a propia área de A Insua, onde hai espazo para deixar os coches, ás 10:30h. A volta está prevista para algo antes da hora do xantar, ás 14:30h, “ao que convidamos a asistir a todas as persoas que queiran acompañarnos neste día”, animan desde o BNG.
Xa despois do xantar, tocará o turno das intervencións políticas, nas que tomará parte a Deputada no Parlamento Galego, Ana Pontón e a continuación haberá música e xogos tradicionais para pasar unha tarde de convivencia e divertimento.
Desde o BNG en Barreiros, repartirán bandeiras da Patria Galega ás persoas que o desexen para pendurar nas fiestras e balcóns con motivo do día da Patria, “amosándonos orgullosas e orgullosas do que somos e acreditando na nosa capacidade para valernos por nós mesmos”, anuncian desde a agrupación nacionalista.