Barreiros, 13 de xullo de 2014. O grupo municipal do BNG non tomou parte no acto de izado das bandeiras azuis en Barreiros por considerar que “os criterios que se están a seguir no concello de Barreiros para a xestión das praias non pretenden a súa optimización e só se fai o indispensable para a obtención dos galardóns.”
Para o BNG é prioritario que as praias de Barreiros sexan xestionadas con criterios turísticos e medioambientais adecuadas á súa situación e piden ao goberno municipal e Xunta de Galiza que elaboren un plan de actuación nos areais que evite situacións de falla de salubridade.
Os nacionalistas lembran que “este ano a praia de Arealonga en Reinante perdeu a bandeira azul definitivamente debido a un vertido de augas fecais procedentes da depuradora, que aínda segue a producirse, e que o goberno municipal foi incapaz ou non tivo interese en solucionalo.”
“Mentras o noso Alcalde se adica a promocionar os plans da Xunta para a praia das Catedrais (por certo, un plan que aínda non se coñece e reclamado con insistencia polo BNG desde o goberno municipal de Ribadeo), no concello de Barreiros, a pouco máis de 500 metros, a depuradora de Reinante segue vertendo augas sen depurar directamente á praia.” Para o BNG “o problema non é que por ese vertido se perda unha bandeira azul, se non que o grave é que poida existir un problema de saúde pública.”
Por iso, os nacionalistas piden que a promoción turística se faga en base a un plan de xestión das praias, coordinadamente co resto de recursos existentes no concello, que permitan optimizar o potencial turístico de Barreiros. No vindeiro pleno insistirán novamente en reclamar o cumprimento do acordo plenario no que, a instancias do propio BNG, se aprobaba iniciar unha campaña de promoción dos baños de setembro coma un xeito de desestacionalizar e ampliar a tempada turística no concello.
Igualmente, desde o BNG tamén instan á nova Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a que “cambie substancialmente as políticas do seu departamento para Barreiros e comece a poñer en valor os recursos naturais municipais en lugar de apostar pola legalización do urbanismo desmesurado.”
O BNG tamén anunciou que no vindeiro pleno, que ten que celebrarse neste mes, preguntarán a respecto da contratación de socorristas e dos criterios seguidos para tal. Desde o BNG apostan porque a contratación do persoal de salvamento e socorrismo se faga atendendo prioritariamente a razóns de seguridade das praias, aínda que poida supor non conseguir tantos galardóns. “As bandeiras azuis poden ser importantes para a promoción turística, pero o fundamental é ter unhas praias en condicións óptimas de seguridade e hixiene”, conclúen desde a formación frontista.