Burela, 9 de xullo de 2014. O Concello xestiona a instalación dun desfibrilador na praia de Ril e procedeu a renovar as padiolas ríxidas dos tres areais bandeira azul.
O alcalde, José Mª González Barcia, subliñou que “as praias están completamente listas para ser usadas polos cidadáns e polos visitantes: contan con duchas, algunhas delas repostas despois dos temporais; teñen servizos hixiénicos todas elas; este ano incorpórase unha novidade importante, que é que se teñen substituído as casetas dos socorristas de Portelo e Ril, as sombrillas están todas colocadas tamén, ao igual que tódolos colectores de recollida de lixo; e a limpeza estase facendo diariamente”.
A concelleira de Medio Ambiente e Mar, Patricia López Eijo, lembra que “o ano pasado compráronse esas dúas casetas, unha para O Portelo, que consta de dous baños (un deles para minusválidos) ademais da zona para os socorristas, que ten taquillas, padiolas… e outra para Ril onde prestan servizo os socorristas”. López Eijo destaca que “isto suponnos un aforro de 1.500 euros, que era o que se pagaba polo aluguer das casetas e polos baños químicos que se colocaban en Portelo, e que agora están situados dentro da propia caseta desta praia. Tamén fixemos arranxos de fontanaría nos baños da praia da Marosa”.
O rexedor engadiu que “en colaboración co Hospital da Costa renováronse as padiolas (camillas) ríxidas das tres praias bandeira azul que temos en Burela, porque as que había estaban xa un pouco deterioradas. Os areais de A Marosa e Portelo contan con desfibriladores e estase a xestionar a colocación doutro en Ril”. González Barcia e López Eijo indicaron que “tanto A Marosa como Portelo dispoñen deses aparatos desde hai tempo. De feito Burela foi un Concello pioneiro na Mariña ao colocar o seu primeiro desfibrilador xa hai anos na Marosa”.
O alcalde manifestou que “ademais estamos a dar un paso adiante en canto ao control de calidade das praias, de feito nos baños dos tres areais bandeira azul colócase información diaria relativa á limpeza desas instalacións, así o usuario sempre pode saber cando foi a última vez na que se procedeu a realizar dito traballo”.
As praias burelesas dispoñen de servizo de socorrismo desde o pasado 5 de xullo. Son 10 os vixiantes encargados de velar pola seguridade dos bañistas e usuarios dos areais.