Cervo, 8 de xullo de 2014- O Concello de Cervo informou hoxe de que xa están rematados os traballos de renovación do firme na rúa de subida ao Faro de Punta Atalaia en San Cibrao. En concreto a actuación abarcou dende a rotonda fronte á praia de Cubelas ata o faro. En canto aos traballos, pavimentouse de novo toda a rúa con aglomerado.
Unha vía que precisaba estas melloras xa que o firme atopábase degradado e facíase necesaria unha rexeneración, especialmente tendo en conta que se trata da única rúa pola que os coches poden circular para chegar ata o faro, un punto emblemático de San Cibrao, de moita afluencia e que constitúe ademais un foco de atracción turística.
Unhas obras que tiveron un custo de 27.300 euros que financiou a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao nunha das poucas zonas da vila nas que ten competencia e nas que pode actuar e que permiten dispoñer dun vial en perfectas condicións dentro do entorno urbano. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Obras, Pilar Armada comprobaron hoxe o resultado dos traballos.