Concello, Sociedade Cultura Ledicia, Absa e Confraría de Pescadores de Burela mantiveron un encontro este mediodía no Concello para falar da vindeira edición da feira do bonito que se celebrará a principios de agosto. O alcalde, José Mª González Barcia, explicou que “a feira do bonito desenvolverase, tal e como estaba previsto, o vindeiro 2 de agosto. Coincide un ano máis con Produart, que será do 1 ao 3. A xuntanza de hoxe foi preparatoria, coma as que facemos todos os anos. E o que quixemos foi prever todo o que trae consigo a feira do bonito, que como se sabe é unha festa de interés turístico galego”. O rexedor dixo que “o que fixemos foi planificar o programa da xornada, non quedou pechado, pero sí perfilado e falar das presentacións que se farán. Haberá unha presentación para os medios informativos en Burela e outra para os medios de comunicación de Lugo”. O Concello porá a disposición da organización os medios materiais e humanos precisos para que a feira saia ben “e sufragará parte dos gastos, tal e como ven facendo nos últimos anos”.
