Lugo, 19 de xullo de 2014. O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Servizos Sociais, o nacionalista Antonio Veiga, tachou de “inaceptables” as críticas dos dirixentes do Partido Popular de Lugo á contía das axudas que a Deputación de Lugo aporta aos concellos da provincia para que estes poidan prestar o servizo de asistencia no fogar ás persoas maiores e dependentes que o precisan, sobre todo –dixo– porque “a Xunta do PP non pon nin un peso”.
O vicepresidente da Deputación afirmou que “fraco favor lle fan os dirixentes do PP de Lugo ao señor Feijóo” porque coa súa crítica “deixan en evidencia a insensibilidade da Xunta de Galiza coas persoas maiores e dependentes da provincia de Lugo”. “Coincido cos dirixentes do PP de Lugo en que as necesidades de atención social dunha provincia como a nosa, fortemente avellentada e despoboada, son moitas e non están cubertas a día de hoxe, por iso lles pido aos dirixentes do PP da provincia de Lugo que esixan ao señor Feijóo que cumpra coas súas obrigas e financie este servizo social básico”. Veiga explicou que cos 675.000 euros que aporta a Deputación reciben atención a domicilio 2.500 persoas na provincia de Lugo, polo que “se a Xunta puxera outro tanto atenderíase ao dobre de persoas”, indicou.
Por iso, Antonio Veiga calificou de “cinismo, descaro e intento de engano masivo” as declaracións dos dirixentes do PP en Lugo, aos que lle reprochou que “quen non pon un peso non ten credibilidade moral algunha para criticar a quen si o fai, ao que adica todos os anos un importante esforzo económico do seu Orzamento para suplir a irresponsabilidade da Xunta co obxectivo de que as persoas maiores e dependentes da provincia de Lugo non sufran as consecuencias dos recortes da Xunta en servizos sociais básicos coma o de axuda no fogar”.
Incremento das axudas do 30% desde 2011
O vicepresidente da Deputación lembrou que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou este venres as axudas destinadas ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico para os concellos con menos de 20.000 habitantes da provincia. A contía total ascende a 675.000 euros, 25.000 euros máis respecto ao 2013. Antonio Veiga explicou que a partida destinada pola Deputación a axuda no fogar “non parou de incrementarse nos últimos anos e medrou un 30% nesta lexislatura, dende 2011 (500.000 euros en 2011, 600.000 en 2012, 650.000 en 2013 e 675.000 en 2014), conscientes de que as necesidades deste servizo son cada vez maiores”, dixo. Pola contra, denunciou, “a Xunta pasou de poñer 459.000 euros no 2011 a non poñer nin un euro dende 2012 ata hoxe”. “A diferencia é evidente: mentras a Xunta recorta en Servizos Sociais, nós aumentamos os fondos destinados a atender ás persoas máis vulnerables”, afirmou Veiga.
A Deputación ten recurrido o decreto da Xunta diante do TSXG
A Deputación de Lugo ten recurrido no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o Decreto 99/2012 porque nel “a Xunta descarga sobre os Concellos e sobre a Deputación o custe do servizo de axuda no fogar, cando por Lei é a Xunta a que ten que financiar ese servizo social basico”, lembrou o vicepresidente da Deputación lucense. Por iso, Antonio Veiga reprochoulle ao Goberno de Feijóo que “deixara tiradas sen servizo de axuda no fogar ás persoas maiores ou con necesidades especiais dunha provincia coma Lugo, fortemente envellecida e despoboada”.
Explicou que “hai 2.400 lucenses que están a ser atendidos grazas á Deputación, pero hai outros moitos en lista de espera que tamén o precisan”. Por iso, invitou aos dirixentes do PP de Lugo a esixir á Xunta de Galiza que se “faga cargo das súas responsabilidades aportando financiamento para que os cidadáns que viven en zonas rurais e envellecidas como a provincia de Lugo reciban os mesmos servizos sociais que os que viven nas cidades”. “Os cidadáns e os propios alcaldes do Partido Popular da provincia de Lugo agradeceríano”, asegurou.
Creación de 3.000 postos de traballo en toda a provincia
Asímesmo, ademais do aspecto social das axudas aprobadas o venres pola Deputación, o seu vicepresidente insistíu “na importancia desta inversión dende o punto de vista do emprego, pois xeran unha cantidade importante de postos de traballo directos, principalmente femininos. Estamos a falar de arredor duns 3.000 postos de traballo en toda a provincia”, detallou.
Antonio Veiga tamén destacou que estas subvencións foron outorgadas de acordo a criterios obxectivos, con baremos públicos e sen discriminar a ningún concello, fosen do PP ou doutra cor política. “Só miramos as necesidades obxectivas que había en cada concello, non a cor política do seu alcalde”, destacou Veiga.




















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



