Ribadeo, 25 de agosto de 2014. Setenta persoas participarán no III Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebrará en Ribadeo do 27 ao 29 de agosto, organizado por APAGA (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). No evento haberá ponencias polas mañás e obradoiros polas tardes. Á cita asisten profesores do sector do automóbil, alumnos de FP, alumnos universitarios e afeccionados ao motor.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, sinalou esta mañá que “neste momento está cerrada a inscrición cun número determinado de reservas de prazas de xente que se apuntou, pero que nestes momentos non ten praza. Si houbese algunha baixa estes días, irán entrando esas persoas que están en lista de espera. Aproximadamente hai sobre 70 persoas inscritas de distintos sectores: profesores da formación profesional, estudantes e alumnos, xente do sector do automóbil, mecánicos… É dicir, que hai un grupo bastante variado, no que tamén se inclúe xente afeccionada ao motor que se apuntou e que está moi interesada”.
Doural aludiu ao programa que se desenvolverá ao longo destes días: “o Fórum arrancará no hotel O Cabazo o mércores, 27 de agosto, ás 9 da mañá con tres conferencias por parte da empresa ROBERT BOSCH, a empresa afincada no polígono industrial de San Cosme de Barreiros TECMAF, e a empresa de Porriño AIMEN. E despois xa pola tarde haberá unha serie de talleres desde aerografía, sistemas de comunicación do automóbil, manexo de programas informáticos de edición de vídeo, soldadura, climatización, un pequeno taller sobre vehículos de competición no que contamos coa colaboración da empresa Santa Apolonia Rent de A Pontenova e un taller sobre primeiros auxilios no taller de automoción”.
O presidente de APAGA seguiu a relatar que “o xoves teremos ás empresas SIKA, REPSOL AUTOGAS e PSA PEUGEOT CITRÖEN de Vigo. Pola tarde haberá unha serie de obradoiros que se van a repetir e outros que se van a incorporar novos coma o de adhesivos, transformación á gas de motos de gasolina e outras moitas posibilidades dentro dun mesmo esquema. E o venres, estará a empresa SCANIA, a empresa BMV e MERCEDES-BENZ. Ese vai a ser o programa do Forum que rematará aproximadamente sobre as dúas da tarde o venres 29”.
Paralelamente terá lugar tamén a II Mostra e Feira de Coches Clásicos, con conferencias e outras actividades a desenvolver desde o venres ao domingo. José Ramón Remior, membro de APAGA, dixo que “a mostra coma en anteriores ocasións celebrarase nos xardíns do hotel O Cabazo. En principio esperemos ter tanta afluencia coma tivemos en anos anteriores. O horario vai a ser en principio dende as 9 da mañá ata as 8 da tarde e aí estarán tódolos coches expostos, manuais de vehículos á venda e vehículos tamén á venda ao tratarse dunha feira, co cal haberá un pouco de todo”.
Remior subliñou que “contamos cuns 25-30 vehículos aproximadamente na mostra e na feira cunha serie de xente que vai traer vehículos co obxectivo de poñelos á venda. Neste caso contaremos con 15-20 vehículos ou máis dependendo da xente que poida vir traer os seus. Ademais, haberá vehículos agrícolas e tamén motos, que o ano anterior non as houbera e este van estar presentes tanto na mostra coma na feira. A entrada é totalmente gratuíta, ao igual que aos eventos que facemos coma a mesa redonda que haberá o venres e o acto de FORD, que teremos o sábado. Toda a xente está invitada a acceder e a asistir xa que non é algo cerrado”. A entrada ás conferencias e á II Mostra e Feira de Coches Clásicos é gratuíta”.
O venres ás 20 horas haberá unha mesa redonda sobre restauración de vehículos clásicos no hotel O Cabazo. O sábado será o día de Ford, pola mañá instalarase unha exposición de coches clásicos e actuais desta firma nos espazos anexos ao Cine Teatro e despois no interior desa instalación, ás 12 horas, terá lugar unha ponencia sobre o pasado e o presente de Ford. E para as 14 horas está prevista a inauguración da II Mostra e Feira de Vehículos Clásicos nos xardíns do hotel O Cabazo, que estará aberta ata o domingo á noite.