Os mariñaos estiveron toda a tempada fóra da zona de descenso, pero caen á penúltima praza na xornada definitiva
Burela, 24 de maio, 2025. O Burela FS di adeus á Primeira División un ano despois do seu ascenso nun desenlace moi cruel. Os mariñaos, que estiveron durante toda a tempada fóra de descenso, caen na xornada definitiva á penúltima praza despois de perder en Cartaxena diante do Jimbee (6-2) e do empate do Noia Portus Apostoli en Torrexón co Movistar Inter (3-3). Os burelistas, sen a presenza de Alberto por lesión, non puideron superar a un Jimbee Cartaxena con moitos máis recursos e que afrontará desde a próxima semana o play off polo título no que defenderá a liga gañada o pasado ano.
O primeiro tempo deu comezo cunha boa ocasión para o visitante Rikelme, pero o seu centro-chute foise rozando o pau dereito da meta defendida por Chispi. Responderon os locais por mediación de Motta cun disparo desde o á dereita que despexaba Kaluza. Instantes despois tiña que voar o porteiro polaco para sacar un tiro de Tomaz que ía camiño da escuadra.
O primeiro tanto chegaría no minuto 7 nunha acción individual de Mellado. O seu disparo tocábao Kaluza, pero non o suficiente para que se coase na meta burelista. Un minuto máis tarde chegaba o segundo nunha falta perigosa na que o rexeite quedaba a Motta para marcar a pracer.
O cadro mariñao tentou responder a este duro golpe cun disparo desde uns dez metros de Pitero, que se marchaba por moi pouco, e unha acción persoal de Quelle, que subía o balón desde a súa propia área e finalizaba a xogada cun disparo desviado. Entremedias probara novamente a Kaluza Waltinho cun disparo potentísimo no que tivo que meter as dúas mans o porteiro laranxa.
Despois dun tempo morto de Duda no minuto 12, o Jimbee Cartaxena acrecentou o seu dominio sobre a meta mariñá e Kaluza resolvía un man a man ante Tomaz e despois era Mellado o que picaba demasiado o balón na saída do polaco. Sufría o Burela, que tería unha boa ocasión na cabeza de Rikelme tras un envío en longo de Kaluza, pero o seu remate íase directamente fóra.
Con cinco faltas xa cometidas e o resultado en contra, a máis de cinco minutos do descanso apostaba David Rial polo xogo de cinco con Quelle coa camiseta de porteiro. E a aposta serviu para frear o torrente de oportunidades dos meloneros sobre a meta visitante e tamén para ter algunha boa ocasión ante o marco local. Rikelme tentouno na primeira acción de porteiro-xogador cun disparo afastado ao que respondía Chispi cunha boa perna e nos segundos previos ao descanso Araya atopábase co pau nun disparo moi escorado e Marc Campàs non podía rematar entre os tres paus tras o rexeite. O seu taconazo íase por moi pouquiño.
O inicio do segundo tempo tivo menos ocasións. Estivo a piques de lograr o terceiro dos locais Motta nun disparo que tocaba nun xogador burelista e íase por moi pouco. Na seguinte acción, o cadro burelista gozaba dunha dobre ocasión. Rikelme e Marc Campàs, sós ante Chemi, non lograban marcar ante o porteiro que ocupaba a portería cartagenera nesta segunda metade.
Despois era Kaluza o que interviña nunha gran acción de Pablo Ramírez de pivote, que se viraba moi ben para rematar ao marco laranxa. No 27 chegaba o terceiro dos meloneros por mediación de Motta, que resolvía á terceira tras dúas grandes intervencións previas de Kaluza. Respondía David Rial sacando a Araya como porteiro-xogador e un minuto máis tarde reducía distancias o cadro burelense cun tanto de Juninho tras pase da morte de Rikelme.
Con todo, duraríalle segundos a alegría ao equipo mariñao, xa que os cartageneros sacaban de centro e aos poucos segundos chegaba o cuarto, anotado por Mouhoudine. Linhares tiña posteriormente o quinto nas súas botas, pero detiña en dous tempos Kaluza. Charly, que portaba agora a camiseta de porteiro, buscaba o segundo local, pero aparecía de novo un inspirado Chemi. Motta e Gon Castejón gozaron de dúas boas ocasións antes de que Juninho tivese o segundo nunha boa acción individual polo á dereita, pero non lograba definir con precisión ante Chemi. Si o facía despois Charly, que resolvía unha gran triangulación con Juninho e Araya.
Pero tamén nesta ocasión duraríalle pouco a alegría aos Pícaros, dado que xa dentro dos dous últimos minutos anotaba o quinto Pablo Ramírez, elevando moi ben o balón ante Isma e marcando desde o centro do campo aproveitando que a portería visitante estaba baleira. Motta, cun potente disparo, redondeaba a conta para os locais e facía o definitivo 6-2.
Ficha Técnica Jimbee Cartagena 6-2 Burela FS
Jimbee Cartagena (6): Chispi; Tomaz, Linhares, Motta, Waltinho -quinteto inicial-, Pablo Ramírez, Mellado, Darío Gil, Mouhoudine, Gon Castejón, Jesús, Osamanmus e Chemi (ps).
Burela FS (2): Kaluza; Araya, Isma, Rikelme, Pitero -quinteto inicial-, Charly, Juninho, Marc Campàs, e Quelle.
Goles: 1-0, min. 7: Mellado. 2-0, min. 8: Motta. 3-0, min. 27: Motta. 3-1, min. 28: Juninho. 4-1, min. 28: Mouhoudine. 4-2, min. 38: Charly. 5-2, min. 39: Pablo Ramírez. 6-2, min. 40: Motta.
Árbitros: Fernando Faubella Zaldívar e José Lázaro Angulo (Colexio de Aragón). Amoestaron ao visitante Quelle e ao seu técnico, David Rial.
Incidencias: Encontro da trixésimo xornada da Primeira División masculina disputado no Palacio de los Deportes de Cartagena ante uns 2.200 espectadores e cun grupo duns 40 afeccionados chegados desde Burela.






















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.


