Lugo, 11 de agosto de 2014 – A Administración da Seguridade Social vén de poñer en marcha Tu Seguridad Social (TUSS) un novo portal web de servizos integrados que proporciona ao cidadán información personalizada e actualizada da súa situación como activo ou pensionista e que, ademais, permite realizar, dun xeito cómodo e áxil, os trámites máis habituais no ámbito da xestión de prestacións de Seguridade Social.
Tu Seguridad Social –a onde se accede a través da dirección https://tu.seg-social.gob.es ou dende a sede electrónica da Seguridade Social- funciona dende o pasado mes de xullo e iráse implantando por fases. A día de hoxe, xa se pode consultar a situación persoal referida á asistencia sanitaria, obter o documento acreditativo de aseguramento ou solicitar a Tarxeta Sanitaria Europea. Ademais, os pensionistas poden acceder a todos os datos relacionados coa súa prestación e, os traballadores en activo, consultar os días que cotizaron para ter dereito a prestacións ou consultar a previsible idade de xubilación ordinaria.
O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, valora este novo paso do Goberno a prol dunha Administración “moito máis próxima ao cidadán, máis eficiente e eficaz”, e lembra que a Seguridade Social é “pioneira” na aplicación das novas tecnoloxías, situándose “na vangarda do desenvolvemento da administración electrónica”.
ESPAZO PRIVADO E INTUITIVO
O novo portal da Seguridad Social é unha web totalmente intuitiva que, xa na páxina de inicio, ofrece ao usuario un resumo da súa situación actual e permite o acceso directo ás xestións máis habituais.
A principal característica do portal é a máxima seguridade no acceso ás informacións. Para poder acceder ao mesmo, o primeiro paso é rexistrarse nun Centro de Atención e Información do Instituto Nacional da Seguridade Social (CAISS) ou en calquera oficina da Seguridade Social. Deste xeito, obteráse un código de activación para que cada usuario cree o seu propio contrasinal. Unha vez que o obteña poderá acceder xa, cos máximos niveis de seguridade, aos seus datos e realizar xestións.
Ademais da oficina de Lugo, na provincia hai Centros de Atención e Información da Seguridade Social en Sarria, Monforte, Vilalba, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro.
IMPLANTACIÓN POR FASES
Dada a complexidade tecnolóxica de Tu Seguridad Social, a súa posta en marcha farase en sucesivas etapas. A primeira delas está en funcionamento dende o pasado mes de xullo. En fases posteriores, porase en marcha un simulador da idade de xubilación, darase ao cidadán a posibilidade de tramitar as prestacións por maternidade ou paternidade, xubilación, viuvez e orfandade, así como de modificar a conta na que cobra a pensión, entre outras xestións.