Lugo, 18 de agosto de 2014. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo celebrou este luns o Día da Galiza Mártir cun acto diante do Museo Provincial de Lugo que serviu para recordar aos e ás lucenses que caeron vítimas da represión franquista e perderon a vida polos seus ideais democráticos e galeguistas. O responsable da área de Cultura da Depuación, o nacionalista Mario Outeiro, afirmou na súa intervención que “as hordas franquistas non enterraron un cadáver co corpo inmóbil de Alexandre Bóveda, enterraron unha semente que case oito décadas despois rexorde con intensidade e érguese como faro que alumea o guieiro de moitos nacionalistas”.
Coincidindo co aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda, dirixente do Partido Galeguista fusilado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936, a Deputación de Lugo celebrou esta mañá por segundo ano este Día da Galiza Mártir, cun acto no que participaron familiares de represaliados, como o escritor Xosé Miranda, e Ernesto Vázquez-Rey, membro da Fundación Alexandre Bóveda. O acto contou co acompañamento musical da Banda de Rábade-Begonte e tivo lugar na Praza da Soidade, fronte ao monolito que lembra a II República.
O ano pasado a Área de Cultura da Deputación de Lugo decidíu institucionalizar o día da Galiza Mártir cun acto de recoñecemento adobiado con música reivindicativa diante da entrada principal do Museo de Lugo. Coa celebración hoxe deste novo acto, a institución provincial, que ven tamén de conceder a Medalla de Ouro da Provincia a Darío Rivas, fillo do alcalde recublicano de Castro de Rei fusilado durante o franquismo, quere “consolidar unha iniciativa que pretende honrar a todos os homes e mulleres que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen a liberdade, os valores democráticos e os dereitos nacionais de Galiza, asumindo o exemplo de Alexandre Bóveda, a súa integridade ética e a súa entrega ao país, como un legado imprescindíbel para construír o futuro de Galiza”, explicou Mario Outeiro.
“Hai case 78 anos, cun tiro no corazón de Alexandre Bóveda acaban cun balazo co motor de explosión do Partido Galeguista, como diría Castelao, e cun dos intelectuais máis relevantes que tivo e terá Galiza. Cos seus escasos 33 anos despuntou en multitude de campos e fíxoo dende a humildade, o tesón e un inmenso amor á súa patria. Foi capaz de desmontar a falacia de que Galiza é unha nación subsidiada. Traballou dun xeito incansábel co fin de que Galiza tivese un Estatuto de Autonomía propio, sendo crucial o seu papel tanto na redacción do mesmo, aunando esforzos como naquela importantísima Asemblea de Concellos de Galiza de decembro do 1932, como na súa votación, practicamente unánime, o 28 de xuño do nefasto 1936”, lembrou Mario Outeiro.
5.000 persoas foron represaliadas na provincia de Lugo
O acto deste luns lembrará aos preto de 5.000 represaliados e represaliadas da provincia; persoeiros do mundo da cultura, como Ánxel Fole, Don Glice, Álvaro Xil, Ánxel Xoán ou Lourenzo Varela, da educación, da sanidade, obreiros, labregos e xentes do común que defenderon unha sociedade máis xusta e un mundo mellor, así como a figuras do mundo da política como Ben-Cho-Shey.
Mario Outeiro afirma ademais que a Deputación lucense, organizadora do acto, “estivo durante moitos anos en débeda cos represaliados, porque a súa sede do Pazo de San Marcos foi durante a ditadura sala onde se celebraron procesos sumarios, causas militares, con sentencia ditada previamente, que levaron a moitos destes homes e mulleres á morte”, lembra o deputado nacionalista.
Acordo unánime do Parlamento Galego
A Irmandade Galega en Bos Aires, en 1942, institúe o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. En 1977, coa transición democrática, realízase o primeiro acto público da Galiza Mártir, cun acto político no cemiterio de San Amaro en Pontevedra. Neste contexto foron numerosas as iniciativas que organizacións políticas e culturais levaron a cabo dende daquela para dar a coñecer e rehabilitar politicamente a figura de Alexandre Bóveda, e, con el, de todos os homes e mulleres mortos ou exiliados por defender a liberdade e a dignidade do noso país. A este recoñecemento social fóronse incorporando institucións como os Concellos de Poio e Pontevedra, entre outros, e as Deputacións de Ourense e Pontevedra. O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade o 26 de decembro de 2006 unha Proposición non de lei para institucionalizar o 17 de agosto, cabodano do fusilamento de Bóveda, como Día da Galiza Mártir e para traballar na rehabilitación pública e política do propio Bóveda e de todos os mártires da liberdade que él mesmo simboliza na memoria histórica e democrática do noso pobo.
Alexandre Bóveda, figura fundamental no Estatuto de Autonomía de 1936
Alexandre Bóveda, xunto a Lois Tobío, Carvalho Calero e Vicente Martínez-Risco, foi o vertebrador do Anteproxecto de Estatuto que elaborou o Seminario de Estudos Galegos; defendéndoo na decisiva Asemblea de Concellos celebrada en Compostela do 17 ao 19 de Decembro de 1932, e asumindo a responsabilidade e a tarefa histórica de impulsar o laborioso proceso de aprobación do propio texto estatutario, culminado finalmente co apoio cidadán maioritario no referendo do 28 de xuño de 1936.
Logo do levantamento militar fascista de xullo de 1936, Bóveda foi xulgado no Salón de Plenos da Deputación Provincial de Pontevedra e, acusado de traizón, foi condenado a morte; cumpríndose a sentenza co seu fusilamento na mañá do 17 de agosto de 1936 na Caeira (Poio).























O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



