Ribadeo, 18 de agosto de 2014. As rías de Viveiro e Ribadeo serán o escenario o sábado 30 e o domingo 31 de agosto da III Bandeira A Mariña de Traiñeiras, unha competición organizada pola Vicepresidencia da Deputación en colaboración cos clubs de remo de Viveiro e Ribadeo coa intención de revitalizar a práctica deste deporte na comarca e que vai reunir a 18 embarcacións chegadas de toda Galiza e de Asturias nunha proba deportiva de primeiro nivel.
O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Deporte da institución provincial, o nacionalista Antonio Veiga, participa hoxe pola tarde en Ribadeo na presentación das dúas regatas, puntuables para a Liga Galega, que se van a celebrar en Celeiro o sábado 30 e en Ribadeo o domingo 31 e que suporán un gran acontecemento deportivo para a comarca mariñá. Xunto a Antonio Veiga, ao acto de presentación desta proba deportiva asistiron tamén Andrés Fernández, en representación da Liga Galega de Traiñeiras; os presidentes dos clubs de remo de Ribadeo e Celeiro, David Ribas e Bernardo Fraga; e os concelleiros de deportes de Ribadeo e Viveiro, Vicente Castro e Carlos Gueimunde.
A fórmula da competición será a de regata a dobre xornada. O sábado 30 darase a saída á competición no porto de Celeiro a partir das 18:00 horas en tres quendas contrarreloxio nas que participarán todos os clubes inscritos nas Liga Galega de Traiñeiras, tanto na categoría A como na B, máis o Clube de Mar de Castropol como convidado. Ao día seguinte, o domingo 31, a competición trasládase ao porto deportivo de Ribadeo, onde a partir das 11:30 horas darase a saída en tres quendas, a primeira contrarreloxio e as restantes en regata en liña con saídas lanzadas cada 2 minutos por orde inversa á clasificación do día anterior. A competición repartirá 20.000 euros en premios e será puntuable para a Liga Galega, que está encabezada neste momento por Samertolomeu, seguido por Amegrove e Mugardos, na División A e por Mecos-Mondariz, seguido de Coruxo e Salgado-Perillo, na División B.
Clubs chegados de toda Galiza
A III Bandeira A Mariña de Traiñeiras vai reunir ás 17 traiñeiras que compiten na Liga Galega, 8 da liga A e 9 da B, máis ao Clube de Mar de Castropol, como embarcación convidada. Serán embarcacións chegadas de toda Galiza: entre os equipos da Liga A da Liga Galega de Traiñeiras están C. R. Amegrove, Club do Mar Mugardos, C.R. Chapela, C. R. Cabo de Cruz, S. D. Samertolameu de Meira, C. R. Vilaxoán, C. R. Cabana, C.R. Ares; mentras na Liga B están Mecos-Mondariz, Coruxo, Salgado-Perillo, Bueu, Cabo da Cruz, Rianxo, Cesantes, Esteiro e Cangas.
Neste sentido, Antonio Veiga declarou que “este tipo de actividades, ademais do valor que teñen como eventos a nivel deportivo, aportan un valor económico e de turismo engadido importante, que é a afluencia de xente á comarca co gallo da celebración da competición, xa que son 18 clubes cunha media de 15 membros máis os familiares e afeccionados que os acompañan os que se achegarán á Mariña esa fin de semana para asistir ao evento”. “Aparte de que traerá deportistas e seguidores dos clubs, será un bo espectáculo para os moitos turistas que pasan uns días por esas datas na comarca mariñá”, destacou o vicepresidente da Deputación.
Impulso ao deporte do remo na comarca
As novas directivas dos dous clubs de remo existentes na comarca, os de Viveiro e Ribadeo, esperan que esta competición se converta nun bo impulso para a afección ao remo na Mariña, dado o grande nivel da proba que se vai disputar na comarca a finais deste mes. Tanto Bernardo Fraga, presidente do clube de Viveiro, que colleu a presidencia do club hai tres anos, como David Ribas, que se fixo cargo da revitalización do club de remo de Ribadeo este ano, destacaron que este deporte está a tomar novos folgos na comarca e agardan que volva ter a importancia que tivo en épocas pasadas.
Neste mesmo sentido se manifestou Antonio Veiga, que deu os seus “parabéns ás novas directivas do clubs de remo de Celeiro e Ribadeo por dar continuidade a este deporte na comarca, así como polo esforzo posto para organizar este evento”. Tanto a Deputación como as novas directivas dos clubs de Viveiro e Ribadeo están tratando de revitalizar o deporte do remo na comarca, así como outros deportes acuáticos como o kayak ou o piragüismo que tamén incrementaron moi notablemente o número de practicantes nos últimos anos. Ademais dos clubes de remo de Ribadeo e Celeiro, na comarca da Mariña existen tamén clubes de kayak en Foz e San Cibrao e de piragüismo en Viveiro e Ribadeo.






















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
