Ribadeo, 14 de agosto de 2014. O Forte de San Damián acolle a oitava edición da mostra Mariñarte, organizada polas áreas de Cultura e de Mocidade do Concello de Ribadeo. Nesta ocasión está dedicada ao cómic, foi inaugurada hoxe e estará aberta ao público ata o día 24 deste mes.
No acto inaugural o concelleiro de Mocidade, Xavier Campos, explicou que “é xa a oitava edición de Mariñarte, unha actividade cultural máis deste verán intenso en Ribadeo. Neste 2014 decidimos centrala nun ámbito artístico como é o cómic, a banda deseñada, a ilustración en xeral, que ademais ten traxectoria e raigame en Ribadeo, fundamentalmente a través da figura do lembrado Suso Peña, do que temos aquí diferentes exemplos da súa obra. Ao lado das diferentes mostras do traballo de Suso Peña temos tamén obra nova específica de creadoras novas e ademais hai un exemplo da colección particular dunha persoa que tamén é referente do mundo do cómic en Ribadeo, como é Justo García. Quero agradecer a Mati González, que é a persoa que nos cedeu obra de Suso Peña; a Justo tamén pola súa colaboración para a posta en marcha desta exposición e, por suposto, a todas as autoras, que son Paula Alvite, Antía García, Ánxela López, Laura Rodríguez e Laura Fernández”.
Xavier Campos destacou tamén que “en Mariñarte, ademais do que é a parte expositiva, tentamos sempre acompañalo con outras actividades, que neste caso van consistir en dous obradoiros a semana que vén, impartidos nun caso pola ribadense Ánxela López e no outro por un profesional do cómic xa cunha carreira moi importante, como é Manel Cráneo. O de Ánxela López será o xoves e o de Manel Cráneo, o venres”.
Ademais o concelleiro de Mocidade comentou que a súa área e a de Cultura queren “aproveitar para poñer en valor o propio Forte de San Damián, que é un espazo co que Ribadeo conta, que é bonito, de luxo para poder utilizalo para actividades culturais coma esta e, na medida das nosas posibilidades, tentamos poñelo en valor e aproveitalo dende un punto de vista cultural e ademais para abrilo aos numerosos visitantes que temos no verán en Ribadeo”.
Campos continuou animando aos presentes no acto a que “entre todos fagamos a máxima difusión posible para que consigamos que moita xente veña a descubrir a obra destes autores e autoras”. E deu as grazas “dunha forma máis especial a Neves Paz, que é a técnica de Cultura, porque nestes casos, como en todo o traballo que se fai, ao final recae en alguén a nivel práctico; no caso de Neves, no caso de Hugo, que é outro colaborador permanente da Concellaría, no caso de Alberto Moledo e demais sen o seu traballo diario estas actividades non sería posibles. Ademais Neves é unha persoa que ten un especial cariño e sensibilidade para todo o mundo pictórico e de artes plásticas visuais”.
Seguidamente Justo García comentou que “realmente son importantísimos os autores galegos na banda deseñada a nivel nacional e internacional, desde Castelao incluso podemos falar de banda deseñada. Xa empezaron traballando nas míticas revistas de TBO e de Bruguera. Hai premios nacionais do cómic, como Miguel Anxo Prado; Suso Peña, que foi un referente a nivel internacional; un montón de autores que podedes descubrilos e espero que os gocedes”.
A continuación interveu unha das artistas que expoñen parte da súa obra nesta mostra, Paula Alvite, quen dixo: “estou moi contenta, moi alegre, porque me ofrecerades a oportunidade de expoñer a pouca cousa que teño aínda que me gusta moito debuxar. Encántame o cómic e a calidade que hai aquí das coleccións, dos traballos dos debuxantes, de novas promesas”.
E outra das autoras, Antía García, comentou: “é a primeira vez que expoño no Forte de San Damián e alégrome moito de que á xente lle guste o meu traballo; non espera tan boas reaccións. Son unha das máis novas que expoñen, algo que tampouco esperaba que fose así”.
Seguidamente Mati González dixo que está encantada de ceder para esta exposición as tiras que lle regalara o debuxante ribadense Suso Peña da súa obra Celso Emilio Ferreiro para nenos.
Xavier Campos engadiu que “a colaboración do Concello con todos os creadores e creadoras de Ribadeo é permanente e moitas veces plásmase en cuestións que van xurdindo no día a día. Vimos de apoiar economicamente moi recentemente a edición do libro de Kike Díaz Nordés. Calquera persoa de Ribadeo que estea traballando neste ámbito ou noutros sabe que conta coa colaboración, na medida das posibilidades que ten o Concello nun tempo complexo como no que estamos. Pero dende o Concello agradecemos que a xente se dirixa a nós para comentarnos o que está facendo para nós poder axudarlle en función do que podemos”.
E, para rematar, Campos comentou que “este tipo de actividades son conxuntas, facémolas entre a Área de Cultura, que dirixe Mari Luz Álvarez Lastra, e a de Mocidade, que coordino eu. Estamos moi contentos e moi orgullosos de poder facer esta oitava edición de Mariñarte. Agora vamos darlle a máxima difusión, presumir todo o que poidamos e facer moita xente se achegue aquí”.
No acto estivo tamén a concelleira de Cultura, Mari Luz Álvarez Lastra.






















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



