Barreiros, 14 de agosto de 2014. Eido Dourado continua coa súa axenda de concertos estivais este domingo, 17 de agosto. A cantante galega Xiana Lastra será a encargada de subirse, a partir das dez da noite, ao escenario situado nos xardíns deste espazo artístico barreirense. Farao para presentar por primeira vez na Mariña ao seu novo grupo Puntada sen fío. A entrada será gratuíta ata completar aforo, coma xa ven sendo habitual nestes concertos organizados polo Eido Dourado.
O artista barreirense Celso Dourado definiu a Xiana Lastra coma “a promesa da voz do panorama musical galego. Xiana está considerada pola súa calidade vocal coma un pouquiño herdeira das Uxías e de todas estas cantantes que temos no noso país. Xa dende a súa xuventude foi unha muller moi experimentada dentro do eido da música, aí está o espectáculo O meu primeiro Celso Emilio, onde era unha das voces principais xunto con Mini e Mero e María Manuela ou A miña primeira Rosalía, que foi un proxecto moi similar. Neste caso, Xiana vai presentar na Mariña o seu novo grupo aquí, no Eido Dourado. Trátase de Puntada sen fío de recente creación, pero que supón unha aposta firme. Xiana tamén é a voz do grupo de percusión Odaiko e é unha persoa moi preparada que nunca deixa indiferente a ninguén”.
Dourado adiantou que “o repertorio que vai cantar será esencialmente en galego. Ela ademais de interpretar creacións propias, musica e canta composicións de distintos poetas e penso que pode estar moi interesante”. Dourado recordou que “a cita será a partir das 10 da noite, xa que sempre aproveitamos a caída do sol para ver o cambio que experimenta a iluminación dos nosos xardíns ao atardecer. A entrada, coma sempre, será libre ata completar aforo. Invito a todos a vir ao Eido Dourado e ver a unha muller que posiblemente vai dicir moito dentro do panorama musical galego”.