Burela, 21 de setembro de 2014. O alcalde de Burela, José María González Barcia, ven de manifestar que todo apunta a que a coloración laranxa da lámina de auga na zona de O Cabaliño ten unha orixe biolóxica, segundo os datos recabados por persoal de Capitanía Marítima, de Protección Civil de Burela e do GES de Cervo, polo que se descarta calquera tipo de risco para as persoas e para a propia praia.
O rexedor indicou que este sábado, pola tarde-noite, se fixo unha primeira inspección ocular, que se repetiu este domingo, e a través da mesma descartouse calquera contaminación por vertido de combustibles ou similares.
González Barcia informou que a causa máis probable pode ser unha concentración excesiva de microalgas que se produce en función da presenza de determinadas condicións ambientais e meteorolóxicas. O alcalde asegurou que no momento no que cambien tales condicións, a coloración desaparecerá.