Santiago, 11 de setembro de 2014.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves, tras a reunión do Consello, a adxudicación “da redacción do Plan director e proxecto construtivo do Hospital da Mariña Lucense”, dando así continuidade ao compromiso coa modernización das infraestruturas sanitarias.
“É necesario cumprir coa palabra dada na Mariña e é necesario facelo a pesar das dificultades económicas que están vivindo todas as administracións públicas”, aseverou, incidindo en que hoxe se dá o visto e prace á adxudicación do proxecto construtivo para, dixo, “a partir de aí, empezar a obra de ampliación e Plan director do Hospital da Mariña lucense”.
Segundo explicou o presidente galego, o prazo son catro meses: “en catro meses o equipo redactor do proxecto construtivo ten que entregar ese proxecto para ser supervisado polos técnicos respectivos e, posteriormente, licitar a obra que corresponda”.
Trátase, polo tanto, dunha actuación “importante en materia de sanidade pública en Lugo, na Mariña lucense”, en palabras de Feijóo, que permite desbloquear unha “ampliación necesaria”, dadas as dificultades rexistradas en espazos dese hospital, concretamente nas áreas de diálise, nas consultas externas, que son insuficientes, e para renovar parcialmente a área de hospitalización.
Nesta liña, o mandatario galego precisou que con esta actuación se cumpren “os compromisos asumidos no Servizo Galego de Saúde desde o punto de vista hospitalario: Rematamos e entregamos, despois de equipalo completamente, o Hospital de Lugo, que leva funcionando varios anos; estamos finalizando o maior hospital público en construción neste momento en España, que é o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; completamos a ampliación da área de urxencias –finalizada- no Complexo Hospitalario da Coruña, temos que seguir no Plan director previsto noutras áreas do Complexo da Coruña; está en obras neste momento o edificio completo de hospitalización do Hospital de Ourense; acabamos de licitar, e estanse presentando ofertas de ampliación do Hospital do Salnés; e agora completamos o proxecto construtivo que nos levará á obra do Hospital da Mariña lucense”, aseverou Feijóo, lembrando que queda o Hospital de Pontevedra, “pendente dos solares que terá que transferir o Concello de Pontevedra, como vén sendo habitual”.