Lugo, 26 de setembro de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, e o presidente das Escolas Deportivas de Lourenzá, Pablo Maseda Fernández, firmaron esta mañá un convenio a través do que a entidade laurentina recibirá unha subvención nominativa de 10.000 euros, uns cartos cuxa finalidade son financiar unha parte dos gastos que terá que asumir o club mariñao para afrontar as competicións nas que participará este curso. Ademais desta axuda, as ED Lourenzá tamén reciben outros 3.600 euros dentro das subvencións de concorrencia competitiva.
As Escolas Deportivas de Lourenzá téñense destacado nos últimos anos como unha das entidades máis dinámicas da comarca da Mariña. Pese a estar asentadas nun concello de menos de 2.500 habitantes, aínda que tamén estenden o seu traballo a municipios limítrofes como o de Mondoñedo, contan con seccións de baloncesto, fútbol, fútbol sala, atletismo, bádminton, patinaxe e ciclismo. “Sempre dixemos que estas Escolas Deportivas de Lourenzá son modélicas polo gran traballo que realizan. Fano conxuntamente co concello de Mondoñedo, algo que hai que destacar, xa que son un exemplo de como se debe xestionar o deporte, unindo servizos dos concellos e tratando de abaratar custos aos veciños, independentemente das cores políticas que gobernen cada concello”, salientou Antonio Veiga.
Outras colaboracións coa entidade
O responsábel de Deporte da Deputación lembrou que, ademais destes 10.000 euros, as ED Lourenzá recibiron outros 3.600 euros dentro das subvencións de concorrencia competitiva. 2.700 euros foron para o capítulo de competicións e 900 para a organización da carreira Val das Fabas. “A colaboración da área de Deportes da Deputación de Lugo non se circunscribe só a este convenio, senón que tamén colaboramos con todas as iniciativas deportivas do concello de Lourenzá, como pode ser a carreira Val das Fabas, unha carreira popular que xa é un referente”, sinalou Antonio Veiga.
Entre os fitos acadados nos últimos tempos polas Escolas Deportivas Lourenzá atópase con letras de ouro o equipo feminino de baloncesto, que chegou a pasada tempada a súa cota máis alta co seu debut na 1ª Estatal Feminina, no que conseguiu clasificarse para os play offs de ascenso á Liga Femenina-2. Esta campaña será a segunda do grupo dirixido por Juan Nécega na categoría e tamén será a segunda para o conxunto filial, encadrado na 2ª Autonómica Feminina.
Máis de 370.000 euros para o deporte mariñao
O tecido deportivo da Mariña recibirá este ano máis de 370.000 euros da área de Deportes da Deputación de Lugo. Dunha partida de 172.000 euros beneficiaranse a maiores de clubs, asociacións e concellos da comarca, aos que hai que engadir os 148.000 euros que recibe o Burela FS, os 14.000 para a organización da Bandeira da Mariña de traiñeiras, os 20.000 da Fundación Imdecum (Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña), os 7.000 da Travesía de Foz e estes 10.000 das Escolas Deportivas de Lourenzá. “Todo o deporte da Mariña, dentro das nosas posibilidades, conta coa colaboración desta área de Deportes”, subliñou o vicepresidente do organismo provincial.






















Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
