Anda estes días a saír na prensa unha noticia desacougante: a publicación dun acordo bilateral entre o Goberno español e o Goberno vasco ( http://www.lehendakaritza.ejgv.euskadi.net/r48-bopv2/es/bopv2/datos/2014/09/1404004a.shtml) polo que se “pacta” a interpretación de varios preceptos da LOMCE, esa lei que ten a dubidosa honra de ser a lei educativa máis contestada da democracia.
O acordo acadado atinxe a diferentes aspectos da nova lei, pero fundamentalmente estamos a falar do dereito a regular integramente o ensino da propia lingua, sen que o Estado teña dereito a interferir nesa regulación toda vez que recoñece explicitamente que é competencia da administración educativa vasca; e tamén falamos do recoñecemento por parte do Goberno español do dereito que ten cada administración educativa a regular como se xestionan os Consellos Escolares, que xa non teñen porque ser consultivos segundo semellaba dispor a LOMCE, senón que terán a capacidade decisoria que lles outorgue cada unha das administracións titulares das competencias en educación. E o desacougante desta noticia é a pregunta que nos facemos os galegos: E logo nós ?
Pois nós, coma case sempre, mirando cara a outro lado; deixando esvaerse entre os dedos toda a nosa capacidade legal, cun goberno que segue a non crer nun ensino galego e para os galegos, cuns dirixentes que fan seguidismo absoluto do que se fala na Administración Xeral do Estado; cunha normativa que quere ter como mérito o de ser idéntica á que se poida elaborar no outro extremo da península, e coa consolidación dun ataque á nosa lingua que ven dende o mesmo momento no que o actual goberno galego gañou as eleccións e pretendeu implantar aquel modelo “plurilingüista” que logo deitaron sentenzas e costumes.
Así, os nosos fillos e fillas, que poderían ter un ensino onde aprender a se compracer do propio para entendérense, que poderían gozar do privilexio de seren instruídos na propia lingua para que soubesen chamarlle polo seu nome ás súas realidades -que é o xeito de podermos logo comprender e compartir as realidades alleas-, terán novamente que estudar de acordo cunha lei que está edificada sobre outras culturas, outras realidades e outros xeitos de ver e de convivir. E iso tamén provoca parte dese fracaso escolar que a LOMCE di que ven a eliminar.
Pero é que ademais, este “Acordo” tamén recoñece que o País Vasco – e Galiza non ? – poderá ter Consellos Escolares democráticos porque van ser eles quen decidan cómo queren que sexan, como van organizar a presenza das familias na toma de decisións no ensino; mentres que nós non temos ningunha noticia de que o noso goberno galego teña a intención de recoñecer, e lexislar en consecuencia, que as familias somos parte intocable da realidade educativa, e que a nosa presenza é tan necesaria e tan imprescindible como a da administración, o profesorado ou o alumnado.
Nós, as familias, sabemos que temos que ter voz na educación dos nosos fillos e fillas, somos a sociedade que defende xa non o dereito senón a obriga de estar presentes na construción do mundo no que van vivir os nosos descendentes, os que veñen detrás de nós; e elaborar ese mundo inclúe deseñar e definir, coas nosas opinións e cos nosos votos , cada un dos pasos dos que se compón a realidade educativa.
A Confederación ANPAS Galegas sempre rexeitou e rexeitamos a LOMCE, e sempre solicitamos que a Xunta de Galicia debería interpor recurso diante do Tribunal Constitucional porque esta Lei está a invadir competencias que son da nosa Comunidade Autónoma; pero agora mesmo, dun xeito especial logo do coñecemento desta noticia, tamén reclamamos que o Noso goberno, o Galego, asegure xa un acordo como o que neste momento teñen no País Vasco, e que sexa dende aquí dende onde se lexisle o desenvolvemento dunha norma axeitada á nosa realidade, respectuosa e potenciadora da nosa lingua e da nosa cultura, e que recupere valores democráticos no funcionamento dos centros escolares permanecéndonos ás familias na presenza que ata o de agora tiñamos.























A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



