A directora xeral de Produción Agropecuaria facilitou, en resposta a unha pregunta de José Manuel Balseiro, na Comisión 7ª do Parlamento, diversa información sobre as medidas que leva a cabo a Xunta en relación coa protección fitosanitaria dos montes galegos. Así, sinalou que en toda Galicia avaliase anualmente o estado fitosanitario de aproximadamente 250 parcelas, que integran a Rede de Seguimento de Danos nas masas forestais galegas.
Ademais, explicou que se ven realizando un inventario permanente de 174 parcelas de mostraxe para o estudio do gorgullo do eucalipto e que se veñen desenvolvendo diversas iniciativas para facer fronte a este defoliador, entre elas a loita biolóxica mediante a reprodución e difusión controlada de Anaphes nitens (parasito natural do gorgullo).
Patricia Ulloa indicou ademais que, na loita contra o cancro do castiñeiro no período 2013-maio de 2014, fíxose a inoculación de 18.036 castiñeiros cun tratamento sanitario específico, para o seu control e erradicación, estando previsto acadar ata finais da primavera de 2015 unhas 19.700 inoculacións.
A directora xeral tamén deu conta das accións de loita contra o nematodo do piñeiro, destacando que durante o 2015 continuarase con estes traballos, mediante a eliminación e mostraxe de árbores sintomáticos e o control do insecto vector (transmisor) desta doenza.