Lugo, 9 de decembro de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, adiantou este martes en Lugo que Galicia Calidade asinará un convenio de colaboración co Clúster de Turismo de Galicia para o emprego da marca Galicia Calidade no sector da hostalaría galega. Tal e como explicou Conde, que sinalou que a iniciativa forma parte da estratexia de reforzo de Galicia Calidade, na que se está traballando na colaboración da marca con distintos sectores económicos da comunidade, o selo Galicia Calidade nas empresas turísticas e hostaleiras será un complemento á Q de calidade para incidir moito máis na orixe xeográfica e no concepto de calidade ligados a un sector estratéxico para a economía galega.
O conselleiro de Economía e Industria, que interveu na presentación da iniciativa Galicia Calidade en ruta que hoxe se desenvolve na Horta do Seminario para achegar a excelencia dos produtos gastronómicos certificados a profesionais e consumidores, destacou que máis de 70 produtos de empresas de Lugo de distintos sectores se comercializan xa co selo de Galicia Calidade, e animou ás compañías da provincia a incorporarse á marca.
Conde salientou que, nos seus preto de 20 anos de traxectoria, Galicia Calidade se ten consolidado como o símbolo dunha forma distinta e galega de facer as cousas, unha marca que representa o compromiso das empresas galegas por ofrecer os mellores produtos e servizos, e o uso das mellores prácticas para a produción, a elaboración e a comercialización.
Subliñou o conselleiro que esta aposta é clave para chegar aos mercados máis competitivos, como o mellor pasaporte para os produtos galegos, salientando que a consolidación de Galicia Calidade é un dos eixos de actuación da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que se está a consensuar cos principais axentes económicos.
Conde destacou así mesmo que, dentro da estratexia de reforzo de Galicia Calidade, coa que se aspira a multiplicar o número de empresas e produtos certificados, se está a incidir tamén no coñecemento en Galicia deste selo de garantía e confianza para os consumidores, eido no que se enmarca a iniciativa que hoxe se desenvolve na Horta do Seminario en Lugo.
Galicia Calidade en ruta está enfocada aos profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), consumidores e prescritores, co obxectivo de poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade. Consiste nun roadshow no interior dun camión adaptado que, ademais de Lugo, visitará os vindeiros días Vigo (12 e 13), Ferrol (16) e A Coruña (19 e 20), e no que se realizarán diversos showcookings, catas de viños e degustacións de produtos amparados por Galicia Calidade. A iniciativa xa botou a andar o día 28 en Santiago e visitou Ourense e Pontevedra.
En Lugo desenvólvense dúas iniciativas: a primeira delas, denominada “Esencial”, consiste nunha degustación de “bocados de Galicia Calidade”, elaborados polo chef Iván Méndez, e que ofrece unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos. A segunda, denominada “De viños Galicia Calidade”, consiste nunha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, a cargo da enóloga Cristina Murga e o chef Iván Méndez.