Barreiros, 4 de decembro de 2014. O alcalde, Alfonso Fuente, asegura que a Deputación de Lugo desatende os seus vieiros en Barreiros. Este xoves os medios do Concello tiveron que proceder a limpar a estrada que vai a San Xusto “porque estaba impracticable como consecuencia das chuvias dos últimos días”.
O rexedor contou que “hoxe pola mañá, a verdade é que dende o Concello tíñamos que volver atender funcións da Deputación Provincial, e máis en concreto na estrada DP 0609. Onte xa pola mañá enviamos un fax á Deputación ao número que ten habilitado para pasar todas as incidencias dos seus vieiros. Nos comunicabámoslles os problemas, non se viña limpar esta estrada que leva á parroquia de San Xusto e que estaba impracticable xa que os coches tocaban abaixo pola cantidade de terra que baixou dunhas fincas. Hoxe mesmo á primeira hora da mañá volvíamos chamar ao 112 para avisar de que esta estrada seguía cortada, xa que no día de onte non apareceu ninguén por aquí da Deputación e a media mañá estaba sen limpar e ao final decidimos dende o Concello levar unha máquina e sacar a terra da estrada para que poidan circular ben os vehículos e non haxa ningún problema de tráfico”.
Para Alfonso Fuente Parga “vólvese ver coma a Deputación de Lugo desatende a súa atención sobre os seus vieiros, que xa sabemos que dende fai sete anos os ten totalmente abandonados ao non facer ningunha reparación sobre eles, e resulta que agora cando hai incidentes coma estas riadas por culpa da choiva non sabemos onde están os deputados provinciais, o responsable de estradas e o propio deputado provincial que temos no Concello de Barreiros e que non atende estas cousas ou non esixe aos seus propios socios de goberno que o fagan”. O alcalde barreirense subliña que “ten que ser o Concello, é dicir, o de todos os veciños, quen ten que asumir estes gastos que lle corresponden á Deputación Provincial. Aínda así nós atendendo a demanda dos veciños facémolo, pero ben entendido que os veciños son ben conscientes de quen é o titular da estrada e de coma ten as cunetas e de cómo está a estrada intransitable. E evidentemente, cada día vai a peor”.