Burela, 14 de xaneiro de 2015. O Concello rebaixou considerablemente (un 48%) a débeda financieira existente a 1 de xullo de 2011, tal e como indican os datos aportados polo alcalde burelés, José María Gonzàlez Barcia, e polo concelleiro de Economía, José Casas Martínez.
González Barcia destaca que “de non ser polo crédito de pago a provedores que tivemos que pedir en xuño de 2012 por causa das facturas que outros deixaron sen pagar, a situación económica do noso Concello, sen ser excelente, sería bastante boa. Hai que ter en conta que cando entramos no concello, a un de xullo de dous mil once, había unha débeda de 3.019.884’49 euros, derivada do crédito da débeda do antigo Concello de Cervo e do préstamo sen intereses que nos deu a Xunta. Pois ben, esa débeda baixouse a 1.579.000 euros a trinta e un de decembro de dous mil catorce, ou sexa, rebaixouse esa débeda nun 48% en tres anos e medio”.
Casas Martínez indicou que “aínda incluíndo o crédito de pago a provedores, a débeda total actual é inferior á que nos atopamos, xa que significa 2.670.872’54 euros a trinta e un de decembro de dous mil catorce, ou sexa un 11’55% menos que hai tres anos e medio”
O alcalde burelés foi moi explícito: “o Concello e todos os veciños estamos facendo un enorme esforzo por corrixir esta situación económica, e estamos a conseguilo. Reitero que se non fora polo que outros deixaron sen pagar a situación sería boa e permitiríanos unha marxe de manobra que agora non temos. Pero o importante é que non estamos gastando máis do que ingresamos, estamos cumprindo o principio de estabilidade presupostaria”.
O concelleiro de Economía manifestou que “ademais, pagamos o que debemos, como o demostra que no terceiro trimestre de 2014 o retraso no pago de facturas, desde o recoñecemento e contabilidade das mesmas, foi só de nove días, aínda que algunhas facturas pagáronse tres días despois de que entraran no Concello”.
Finalmente, Barcia dixo que “a situación non está para tirar foguetes, porque houbo quen gastou o que non tiña, e que outros tivemos que pagar. Por iso, este ano faremos un novo plan para axustar aínda máis o gasto, e seguir polo camiño que nos marca o sentido común, que nos di que non podemos gastar o que non temos, como facemos cada un de nós nas nosas casas. E o Concello, como casa de todos que é, ten que seguir esa mesma norma”.