Burela, 22 de xaneiro de 2015.- O alcalde, José Mª González Barcia, mantivo un encontro coa asociación de veciños das Casas Baratas para analizar algúns dos temas que lles preocupan.
Segundo explicou o rexedor “desde o equipo de goberno brindámonos, igual que fixemos sempre, a colaborar en todo o que poidamos. Hoxe puxeron enriba da mesa un tema que ven de vello: o dos tellados destes inmobles”. González Barcia lembrou que “nós desde o Concello organizamos hai tempo varias xuntanzas con responsables de Vivenda, da Xunta, e quedamos á espera do que dixesen os veciños. Agora, anos despois, haberá que retomar este asunto desde o principio e tendo en conta a situación económica pola que se está a atravesar”.
O alcalde burelés indicou que “outros dos temas abordados foi o soterramento do tendido eléctrico aéreo, que xa se remonta á nosa etapa anterior ao fronte do Concello, pero a subministradora eléctrica non levou adiante este proxecto. Nós fixemos xestións para que se puidesen abrir portas co obxectivo de que esta proposta dos veciños se fixese realidade e é raro que a empresa subministradora non o fixese cando o traballo previo e as conexións estaban listas”.
José Mª González Barcia dixo que “a xuntanza foi construtiva”.