Ribadeo, 19 de xaneiro de 2014.- Os deputados mariñáns do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol e Vidal Martínez-Sierra, salientaron este luns a “lealdade” do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo coa comarca.
De feito, sinalan que o ano que vén de rematar serviu, entre outras novidades, para a reactivar –grazas á mellora da situación económica- “dous proxectos clave” impulsados polo Goberno galego na comarca como son o corredor Celeiro- San Ciprián, ao seu paso polo municipio de Xove (que suporá un investimento global de 54 millóns de euros) e o proxecto de ampliación do Hospital da Costa (coa adxudicación do Plan Director e arquitectónico hoxe en redacción)
Así o explicaron os deputados populares nunha rolda de prensa que tivo lugar este luns en Ribadeo e na que quixeron facer balance da actividade desenvolvida no Parlamento de Galicia ao longo do 2014, e na que salientaron unha decena de iniciativas, promovidas por estes parlamentarios, en ámbitos tan diversos como a pesca, a sanidade e o emprego.
O mundo do mar foi un dos espazos que maior actividade parlamentaria concentrou no pasado período de sesións, non en van o propio Jose Manuel Balseiro é o voceiro do Grupo Popular nesa área.
Entre as iniciativas de impulso á acción do goberno aprobadas, máis destacables, están as dirixidas a lograr a ampliación da cota da pescada –que se fixo efectiva a finais de 2013-, algo que aconteceu por primeira vez en España e que beneficiou especialmente aos portos de Celeiro e Burela, a promoción dun convenio entre o ISM e o SERGAS, de inminente sinatura tras rematarse a súa redacción e estudo, que permitirá axilizar ao máximo os recoñecementos médicos obrigatorios previos ao embarque, e tres proposicións non de lei máis para buscar a derrogación do principio de estabilidade relativa como clave de reparto das posibilidades de pesca (demanda que lidera Galicia en Europa) outra para a promoción no exterior dos produtos do mar galegos, aproveitando o papel das organizacións de emigrantes e, finalmente, a dirixida a que a Unión Europea recoñecese como flota artesanal e permitira o acceso ás axudas previstas para este segmento de flota ás embarcacións de menos de 15 metros de eslora ou que a súa actividade diaria non exceda de vinte e catro horas.
Outras iniciativas relevantes aprobadas neste ámbito teñen que ver coa reconfiguración dos Grupos de Acción Costeira, conforme as novas directrices dos fondos europeos, para que financien dun xeito preferente aqueles proxectos promovidos directamente ou que redunden en beneficio dos profesionais do mar, tamén coa posta en marcha dun estudo, que sirva para trasladar aos distintos organismos decisorios da Unión Europea, a importancia socioeconómica da pesca da sardiña, ou para a promoción do mexillón galego, que aínda que non se produce na comarca si xera gran actividade de venda.
SANIDADE: NOVO SERVIZO DE ONCOLOXÍA
Tamén un ámbito tan sensible como a sanidade centrou o interese dos deputados populares, neste caso, promotores da iniciativa parlamentaria que, trasladando unha demanda social, estableceu un mandato á Xunta para que adoptara os recursos necesarios para a posta en marcha do servizo de oncoloxía no Hospital da Costa, evitando así o desprazamento obrigado ás cidades da Coruña ou de Lugo dos pacientes con cancro que precisaban de tratamento de quimioterapia.
Os populares viron como esta iniciativa convertíase en realidade no mes de novembro e na pasada semana o SERGAS confirmaba a intención de ampliar a atención desde Burela, chegando a maioría dos tipos de cancro e tres días á semana, tras constatarse o bo funcionamento deste novo servizo.
Os populares tamén se interesaron, neste caso, a través dunha iniciativa parlamentaria pola avaliación que a Xunta fixo do servizo de hospitalización a domicilio, que comezou no seu día como unha experiencia piloto e que xa se ten consolidado e ampliado o seu ámbito de actuación, ata o punto de ter atendido a máis dun centenar de persoas. Tamén preguntaron polos investimentos realizados na mellora do Hospital da Costa, desde que Feijóo é presidente, e que supoñen máis de 2,2 millóns de euros en obras, servizos e novas dotacións tecnolóxicas e pola implantación das retinografías nos centros de saúde de Burela e Viveiro.
EMPREGO
No ámbito laboral, as iniciativas populares máis relevantes tiveron relación coa denuncia efectuada polo Parlamento de Galicia do plan de emprego posto en marcha pola Deputación de Lugo no que, por decisión de PSOE e BNG –grupos políticos no goberno provincial- quedaron fóra todos os concellos da Mariña excepto A Pontenova, unha circunstancia considerada discriminatoria polos populares que demandaron que, como fai a Xunta cos seus plans de emprego, todos os parados teñan igualdade de oportunidades á hora de beneficiarse destas iniciativas laborais financiadas con diñeiro público. Os populares aseguran que só en 2014 a Xunta de Galicia investiu 710.000 euros en obradoiros de emprego na Mariña, aos que habería que sumar as contratacións do plan de cooperación (87 socorristas, peóns de limpeza viaria e ambientais) dos que se benefician todos os concellos da Mariña lucense sen exclusións.
PSOE E BNG: “FALTA DE SINTONÍA” COA MARIÑA
Aproveitaron tamén desde o PP para reclamar máis traballo aos grupos da oposición, “afastados das necesidades da comarca”, e sinalaron o absurdo que é escoitar que reclamen rebaixas fiscais para facilitar o asentamento de empresas, días despois de que a Xunta non só confirmou que reducirá nun 50% o prezo do solo industrial dispoñible nos parques empresariais da Mariña lucense, competencia da administración autonómica, senón tamén outras iniciativas de impulso como as axudas do IGAPE, os microcréditos a emprendedores ou as rebaixas fiscais impulsadas polo Goberno Feijóo ao longo desta lexislatura, especialmente relevantes, no ámbito dos emprendedores.
Os populares denunciaron tamén “a falta de sintonía” de PSOE e BNG coa Mariña que levaron a non apoiar algunha das iniciativas impulsadas polo PP como, por exemplo, no caso dos socialistas, a dirixida á creación da unidade de oncoloxía e, no caso do BNG, as relativas a un cambio de modelo no reparto das posibilidades de pesca.

















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



