Lugo, 21 de febreiro de 2015.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, comunicoulle ao alcalde de Trabada José Manuel Yanes, o compromiso do seu departamento para levar a cabo o arranxo das pontes do Souto e das Lamas, afectadas polas riadas.
Esta actuación, que suporá un investimento de 60.000 euros, levarase a cabo mediante un convenio de colaboración no que o concello redactará os proxectos de arranxo das dúas pontes e o financiamento correrá a cargo da Axencia Galega de Infraestruturas.
Ethel Vázquez mantivo unha reunión de traballo co alcalde deste concello lugués esta semana, unha xuntanza na que a conselleira tamén comunicou ao rexedor que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezou os traballos de redacción do proxecto para a mellora do saneamento e construción de dúas depuradoras nas parroquias de Fornea e Sante, no núcleo de A Igrexa.
Estas actuacións hidráulicas suporán un investimento de arredor de 300.000 euros, para beneficiar aos 450 habitantes destas parroquias.