Ribadeo, 4 de xaneiro de 2015. A diferenza da Xunta de Galiza, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo segue cumprindo o seu compromiso cos ribadenses de financiar a Residencia da terceira idade, cuxas obras, que avanzan a bo ritmo, foron visitadas este mércores polo vicepresidente da institución provincial, o nacionalista Antonio Veiga, e polo alcalde ribadense, o tamén nacionalista Fernando Suárez, acompañados polos portavoces de todos os grupos municipais e de veciños e veciñas que levan anos reclamando esta infraestrutura.
O vicepresidente da Deputación explicou que a área de Benestar Social que el mesmo dirixe adiantou xa ao Concello de Ribadeo varios pagos dos 1,8 millóns de euros comprometidos para a construción da residencia de maiores da localidade, en virtude do convenio asinado entre Deputación e Concello de Ribadeo, segundo o cal a institución municipal irá recibindo eses cartos en distintas fases, a medida que avancen as obras.
Antonio Veiga, explica que deste xeito por un lado “mellórase a capacidade económica do Concello de Ribadeo, que non terá que agardar ao remate das obras para ir recibindo eses fondos” e ademais “favorécese o avance dos traballos que comezaron o pasado mes de xuño para que este servizo tan necesario estexa a disposición de todos os ribadenses canto antes”. Antonio Veiga reiterou que “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación con Ribadeo e co benestar social da súa xente é total e demostrase na construción desta residencia, que será financiada pola área de Benestar Social da Deputación de Lugo e polo Concello de Ribadeo. Seguimos agardando pola Xunta”, insistíu.
Antonio Veiga reiterou que “Ribadeo e os seus cidadáns merécense esta infraestrutura social tan necesaria e pola que levan tanto tempo loitando” e instou unha vez máis á Xunta de Galiza a “aclarar dunha vez se vai poñer cartos ou non para esta residencia, sen máis desculpas nin atrancos, porque a este ritmo rematarán as obras e a Xunta de Feijóo seguirá poñendo desculpas de mal pagador para non aportar cartos para a residencia”.
1,8 millóns de euros en catro anualidades
O convenio asinado entre o Concello de Ribadeo e a Vicepresidencia da Deputación prevé achegas da institución provincial por un importe de 1.828.000 euros que se concretarán en catro anualidades até 2016 (no orzamento de 2013 consignouse para a residencia da terceira idade de Ribadeo unha subvención excepcional de 528.000 euros, no orzamento de 2014 reserváronse 500.000 euros para o mesmo fin, e estableceuse unha previsión de crédito de 600.000 euros para 2015 e de 200.000 para 2016).
O vicepresidente da Deputación destacou que esta residencia non só dará servizo a Ribadeo, senón tamén a concellos limítrofes. Esta infraestrutura, que se está a construír na parcela onde se atopaban as antigas vivendas de profesores e un dos inmóbeis colindantes, entre as rúas Paco Lanza e Alfredo Deaño, supón un investimento aproximado de 2,3 millóns de euros e está deseñada para atender a entre 44 e 46 usuarios e usuarias.
Antonio Veiga criticou que “ten que ser a Deputación quen asuma a construción desta infraestrutura cando é a Xunta quen ten as competencias na materia”. O vicepresidente nacionalista na Deputación denunciou que “a Xunta de Galiza desatende as súas obrigas en materia de benestar social” pero dixo que “co apoio da Xunta ou sen el, Ribadeo terá residencia da terceira idade”.
“A Xunta desenténdese dos servizos sociais”
Do mesmo xeito, o vicepresidente da Deputación criticou que a Xunta tampouco aporte fondos para o mantemento dos servizos sociais nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, para servizos tan necesarios como Axuda no Fogar ou Teleasistencia Domiciliaria, e teña que ser a Deputación e os propios Concellos os que corran con estes gastos, a pesares de ser unha obriga legal para a Xunta participar no seu cofinanciamento, como ven de demostrar unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Esta decisión afecta a todos os concellos da provincia agás a cidade de Lugo. “A Xunta desenténdese dos Servizos Sociais no rural”, criticou Veiga.
“Investir en políticas sociais –continuou o vicepresidente nacionalista– é primordial en Galiza e en particular en Lugo, dado o grao de avellentamento da nosa poboación e as circunstancias que viven os pensionistas do país, cunha pensión media mensual de 721,78 euros, mentres no resto do Estado a media é de 858,1 euros mensuais; pensións ás que, ademais, debemos restar os diferentes copagos implantados polo Partido Popular no eido sanitario nos últimos dous anos, e que deixan unha marxe mínima aos nosos maiores para levar unhas condicións dignas de vida”.
O alcalde, Fernando Suárez, indicou que “a obra está indo razoablemente ben a pesar da meteoroloxía e a pesar de que hai un tempo tivemos que pedirlle á Deputación que nos trasladase unha parte da anualidade do 2014 que non éramos quen de chegar a executar e xustificar naquel momento, pero a previsión inicial de remate da obra segue intacta, dende o primeiro momento. É previsible que a principios de 2016 estean rematadas no que ten que ver co continente. E xa a Corporación que entrará a mediados deste ano 2015 terá que resolver sobre o contido para 2016: as camas, os aparellos, etcétera”.
O rexedor lembrou que “por parte do Concello de Ribadeo, de todos os grupos da Corporación e das asociacións de veciños quixemos que Antón Veiga, como representante da Deputación Provincial de Lugo, que é a única institución que nos está axudando a día de hoxe sen prexuízo de que outras podan colaborar tamén, aínda que tamén é certo que o tempo vai pasando, viñese ver como o diñeiro público que xestiona a Deputación de Lugo se está empregando ben aquí para tantos e tantas veciños e veciñas. Un deles agora mesmo me estaba preguntando cando podía anotarse para entrar na residencia, ao que lle contestamos que primeiro vamos acabar a obra e despois xa veremos”.
E engadiu: “pero o certo é que está indo todo razoablemente ben e simplemente hai que lamentar ausencias, porque nos gustaría convidar a personalidades doutras institucións para que estiveran aquí connosco, pero o dito manos que no dais, que esperáis segue vivo lamentablemente”.
E pola súa banda, o voceiro da comisión pro residencia de maiores, José Mª Rodríguez, dixo: “atopámonos moi contentos pola marcha que están levando as obras, pois non están sufrindo atranco ningún, colaborando tanto os portavoces dos partidos políticos como a Deputación nesta como unidade de destino que é a residencia como obxectivo para os vellos de Ribadeo. Unicamente a pena que estamos tendo, e así percibo os comentarios pola rúa, da ausencia da Xunta como se Ribadeo fose un cantón chino, sendo que teoricamente debía ser o goberno de todos os galegos, pero ten marxinado a Ribadeo completamente e non se lle albisca que poña a mirada en nosoutros para nada”.
Rodríguez insistiu en que “evidentemente confirmo o que dicía o alcalde de que hai moita necesidade, porque xa é moita a xente que me para pola rúa para preguntarme cando se pode apuntar un para vir para a residencia. Polo tanto eu felicítome e felicítoos a todos por como vai indo e espero que todo acabe ben, se pode ser coa colaboración da Xunta e senón faremos o posible para que sexa”.